O estudo de custos salariais é erróneo, tanto por non axustarse ás retribucións do Convenio colectivo vixente como por non ter en conta os actuais tipos de cotización á Seguridade Social.
As diferencias de custos salariais superan os 446.000€ no total dos 10 anos de concesión e farían inviable economicamente a concesión.
O grupo municipal de Sadamaioría presentou un escrito a María Nogareda, para o seu traslado a intervención e secretaría, no que se poñen de manifesto os erros graves de cálculo de custos salariais do expediente da concesión da piscina municipal aprobado no pasado Pleno municipal, co voto de calidade da alcaldesa tránsfuga. Erros que se refiren a que o estudo de custos non tivo en conta o vixente Convenio colectivo autonómico do sector (no que precisa as retribucións para este ano 2023, así como o incremento retributivo para os anos seguintes 2024 e 2025). Tamén contén o erro de non ter en conta os tipos de cotización vixentes á Seguridade Social.
O estudo económico e os pregos de contratación incumpren de xeito flagrante varios artigos da Lei de Contratos do Sector Público, non existe a obrigada vinculación entre os custes laborais calculados no contrato, coa normativa laboral de aplicación. As táboas salariais do convenio colectivo, publicadas no DOG 30 de marzo de 2023, superan ampliamente as aprobadas no pleno do 4 de maio, o que supón causa de nulidade da licitación. E non se axustan tanto no referido ás retribucións do 2023 como ás dos exercicios seguintes. (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230330/AnuncioG0656-170323-0003_gl.html).
Tampouco foi incluido o tipo de cotización empresarial (0,5%) do mecanismo de equidade interxeracional, para financiar o pago das pensións, que é de aplicación desde xaneiro deste ano. (https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-2023-2472).
Hai tamén un cálculo erróneo nas cotizacións á Seguridade Social do persoal de limpeza polo concepto de accidentes de traballo e de enfermidades profisionais.
Sadamaioría considera que son erros dunha importancia capital, que afectan a viabilidade do contrato, dado que a diferencia salarial (entre o expediente aprobado e o legalmente aplicable) é dun total global de 446.000€ nos 10 anos de contrato (8 anos+ 2 anos de prórroga). Tal errónea estimación de custos suporía a inviabilidade económica da licitación, xa que o valor actualizado neto da mesma (fluxos netos de caixa, entre os ingresos e os gastos previstos, actualizados) sería negativo en todos os anos, e totalizaría un valor negativo total de 240.000€.
A precipitación do goberno tránsfuga, adoptando un acordo de forma urxente, sen comisión informativa previa, a tres semanas das eleccións e notablemente irregular, pode ter consecuencias irreparables para o Concello. Sadamaioría anunciou sempre unha oposición leal onde aprobaría todo o que fora beneficioso para Sada e onde participaría na mellora de calquera documento de relevancia para o municipio. Así fixemos cando detectamos erros nas bases de estabilización e os comunicamos, así como os erros en varias ordenanzas que corriximos en comisións informativas. Sen embargo, o goberno tránsfuga non parece querer recibir as nosas aportacións. A soberbia e arrogancia do goberno fai que se avance nun contrato de case 5 millóns de euros, contendo erros de importancia decisiva que provocan a inviabilidade do mesmo.
Sada, 9 de maio de 2023.