En resposta a unha pregunta realizada por Sadamaioría no pleno do pasado 27 de abril, a señora Nogareda considera “optimización de recursos” adicar 91.728,00 euros ao festival electoral do seis de maio, 63.143,88 euros ao Nadal e 46.163.09 ao Entroido.
Tras a pregunta formulada por Sadamaioría, a alcaldesa tránsfuga de Sada, María Nogareda, considerou unha optimización dos recursos municipais destinar máis de 206.000 euros a tres únicos eventos culturais: o festival “Ochéntame Sada”, o Nadal e o Entroido. Neste sentido, chama poderosamente a atención que, tanto a propia Nogareda coma os seus compañeiros de goberno, levan meses aludindo á falta de crédito para o financiamento das distintas actividades que organiza ou nas que colabora o concello. Porén, a realidade parece ser outra ben distinta, á vista do ritmo de gasto ao que están a someter as arcas públicas nos últimos meses.
Parece ficar moi lonxe a decisión do concelleiro de Cultura, José Luis Tellado, na que negaba a colaboración ao Festival Touliña Pop pola inexistencia de cartos para a súa celebración e porque dito festival supoñía unha competencia desleal para a hostalería sadense. Pola contra, a iniciativa, claramente electoralista, de organizar e financiar un festival o seis de maio, nunha data escollida única e exclusivamente pola proximidade aos vindeiros comicios electorais, pon de manifesto un evidente uso partidista dos cartos públicos e, por riba de todo, a máis que patente falta de responsabilidade duns gobernantes que non amosan nin o máis mínimo respecto polas regras do xogo.
Con este tipo de comportamento, tanto a señora Nogareda como o seu concelleiro de Cultura, parecen ter esquecido que Sada ten no horizonte outros eventos moi destacados no calendario anual (San Xoán, festas do Carme, feira modernista, festas patronais de agosto, etc.) e que, por mor da imprudencia na adopción de decisións claramente partidistas e electoralistas, tales eventos poden verse comprometidos, razón pola cal Sadamaioría esixe a responsabilidade e a cordura necesarias na xestión do orzamento municipal.
Sada, 28 de abril de 2023.





