O apoio recibido nos últimos meses é mostra do valor que lle dá a cidadanía de Sada ao respecto pola democracia. Debemos seguir traballando no camiño do compromiso e a tolerancia, para acadar un pobo fortalecido. Desde a cercanía ás persoas, que é o que identifica a Sadamaioría, mantemos a nosa aposta por un goberno con valores claros, cuxa prioridade sexa construír unha Sada mellor para vivir e compartir.
Candidatura completa
Nacido en Sada hai 46 anos, levo toda a vida vinculado a este concello, tanto familiar como laboralmente. Mestre de formación e técnico informático por profesión, sempre amosei un gran interese pola xestión da miña vila e polo benestar dos meus veciños, ao que intentei contribuír desde o ámbito político, deportivo ou empresarial. Hai uns meses, Sadamaioría abriume as portas da que hoxe xa é a miña casa e brindoume a oportunidade de voltar a un posto de responsabilidade municipal, amosando unha confianza que non podo nin debo defraudar. Agardo que compartas esa ilusión connosco e que nos axudes a facelo realidade en maio.
Nacida en Carnoedo, onde resido, son diplomada en Relacións Laborais. Desenvolvín a miña traxectoria profesional na empresa privada como autoempregada, tanto no ámbito do asesoramento como no do comercio. A miña vinculación con Sadamaioría ven dende a súa creación. Tiven a honra de ser a Coordinadora da formación durante catro anos e posteriormente, dende o ano 2019, ocupei a concellaría de Facenda, Contratación, Administración Local e Seguridade Cidadá, ata o día en que se materializou a moción de censura contra o goberno de Benito Portela. Formo parte da única candidatura cidadá con capacidade para seguir co proceso de transformación da nosa vila, que será máis solidaria, xusta, participativa, e respectuosa con todas e con todo. Pola miña parte, nunca van faltar o esforzo, as ideas claras e a vontade de servir á xente, incluídos todos aqueles que non pensan igual. Así o fixen e así seguirá a ser o meu compromiso con todas vós, dende a humildade, a dedicación e o respecto.
Nacín e vivo en Sada dende hai 53 anos. Nos últimos catro, tiven a responsabilidade e a honra de ocupar a concellaría de Obras e Servizos do Concello. O desexo de mellorar o meu pobo permanece en min intacto e teño a certeza de que a rebeldía competente e o compromiso social son dous instrumentos fundamentais para acadar ese obxectivo. Son un firme defensor da participación da xente do común na vida política e a loita pola dignidade das persoas marcou e marca o meu paso polo mundo. Experiencia, traballo, paixón, compromiso e un fondo coñecemento do meu pobo, xunto co feito de querer mudalo todo grazas ao traballo de todas, son os alicerces nos que se asenta a miña maneira de actuar e estou seguro de que Sadamaioría e as súas xentes son o vieiro que farán que o noso sexa un pobo máis xusto, solidario, diverso, libre e respectuoso.
Nacida en Samoedo, son licenciada en Ciencias Empresariais e toda a miña vida laboral está ligada a Sada e ao trato coas súas xentes. En 2015 decidín unirme a Sadamaioría, porque ofreceu unha nova forma de facer política innovadora e transformadora, como así se demostrou nestes oito anos. Despois destes últimos meses de paralización total como consecuencia da moción de censura, Sada necesita un goberno serio e comprometido que siga a traballar na súa transformación nun concello progresista, xusto e solidario para todas e todos os sadenses. Por eso quero aportar o meu traballo para mellorar o noso futuro e o dos nosos fillos e confío no voso apoio para logralo.
Teño 37 anos e fun criado entre as parroquias de Meirás e Mondego. Sempre participei nas actividades culturais e deportivas tanto da parroquia como da vila. Con estudos de Maquinas Navais na UDC, traballo no sector industrial privado dende 2011. Presidín a Asociación Cultural “Eres de Sada si..” na súa última edición dos Xogos Curruncheiros, ofrecendo ademais diferentes actividades lúdicas e de lecer para toda a poboación. Incorporóme as listas de Sadamaioría co convencemento de que é a opción máis axeitada para que Sada avance, prestando uns servizos de calidade á cidadanía baseados nos principios e piares do estado do benestar, tendo presente as demandas e necesidades dos cidadáns.
O meu nome é Marisa e durante os dous últimos anos ocupei a concellaría de Medio Ambiente e Normalización Lingüística. Despois de maio, queremos retomar as políticas pensadas por e para o pobo, onde o interese xeral de Sada estea por diante de calquera outro. É imprescindible que a participación e as demandas da xente do común se vexan reflectidas nas decisións políticas, é dicir, escoitar a voz da veciñanza para acadar melloras para Sada.
Somos a única candidatura do concello que puxo en mans da cidadanía a composición da súa lista. Cremos na democracia e así o demostramos. Traballamos e traballaremos en prol de toda a veciñanza, coma o fixemos, sen máis interese que o de mellorar o noso concello. A burocracia é complexa e os prazos son longos, coñecémolo, pero debemos ser capaces de transmitirlle á sociedade a constancia e a implicación que temos para acadar os compromisos adquiridos con eles.
Creo no proxecto de Sadamaioría e no compromiso das persoas que participamos día a día para que Sada sexa o municipio que as veciñas e veciños merecemos. Porque dende Sadamaioría poñemos a Sada no centro, imos traballar por uns servizos eficientes; por un modelo de desenvolvemento ambiental e social sostible; por garantir o acceso aos dereitos básicos para unha vida digna; pola Cultura como función socializadora e de cohesión social; por implantar e fomentar os coidados das persoas e de quen coidan; por recuperar e poñer en valor a Educación e o Deporte e por non esquecer que Sada é feminista, multicultural e con memoria. Vota por responsabilidade, porque é o teu dereito, pero tamén o teu deber, e porque o teu voto contribúe á construción colectiva dunha sociedade máis xusta.
Nacido na Coruña, son veciño de Mondego desde 2001 e pai de dous fillos nacidos en Sada. A miña actividade profesional está vencellada dende hai moitos anos á empresa privada de servizos. Estou convencido de que os proxectos e obxectivos que Sadamaioría ten en mente para Sada de cara aos próximos anos son creados dende a razón e o corazón. Somos xente de a pé, que quere traballar en primeira liña e esforzarse polo benestar da veciñanza de Sada. Persoas sinxelas que entendemos e compartimos os problemas e as situacións diarias que teñen os nosos veciños e veciñas. Por estes motivos únome, unha vez máis, á candidatura de Sadamaioría, un proxecto da xente para a xente.
Cheguei a Sada hai 17 anos e, dende o primeiro momento, fun arroupada por persoas que agora xa son parte da miña familia. É o momento de agradecer tanta hospitalidade e devolverlle a esta vila canto me ofreceu, por iso din o paso de formar parte desta candidatura cidadá. Porque creo nunha política xusta, apoio o compromiso de Sadamaioria, que é o compromiso coa Educación Pública e de calidade, coa democratización da xestión municipal, co fomento da participación cidadá e a transparencia.
Teño 57 anos, son enxeñeiro técnico Agrícola e desenvolvo a miña actividade laboral como profesor de formación profesional. Participo en Sadamaioría dende a súa fundación. Proxecto político nacido como candidatura popular e caracterizado, entre outras cousas, por que é a propia cidadanía quen participa nun proceso de primarias abertas para elixir o primeiro tramo da lista electoral. Despois da moción de censura presentada nesta lexislatura, estamos a vivir unha situación anómala, da que xa temos experiencias anteriores, onde ostenta o goberno municipal un grupo de tránsfugas expulsados das súas organización políticas que agora buscan acomodo noutras siglas. Debemos recuperar a ilusión e a confianza, xa non só nas institucións, senón na propia democracia, porque temos unha débeda pendente con nós mesmos como cidadanía crítica e libre. Sadamaoiría e Benito Portela son a mellor opción para recuperarmos a política.
Son Mamen, teño 59 años e vivo en Sada dende hai tres décadas. Son enxeñeira Agrónoma e licenciada en Ciencias Ambientais. Levo máis de 30 anos impartindo clases en formación profesional, principalmente no eido da conservación ambiental. Non concibo o futuro sen un Medio Ambiente sano e a política local é fundamental para desenvolver accións encamiñadas á conservación, dende a base. Estas accións non teñen por que ser contrarias a un desenvolvemento económico, urbanístico, nin por suposto social e cultural. Ao contrario, supoñen unha oportunidade para enriquecer o futuro desde o respecto e convivencia coa natureza. Isto é o que pretendemos dende Sadamaioría: un desenvolvemento sostible centrado nas persoas.
Cando pensamos os espazos nos que imos convivir os veciños e as veciñas, debémolo facer dende os propios intereses dos veciños e as veciñas. Ningunha outra forza debe prevalecer, porque o que outros defenderán non serán os nosos intereses, senón os seus beneficios. Por iso, a única opción de preservar os anhelos e aspiracións dos habitantes do concello pasa por Sadamaioría, unha forza que nace da sociedade sadense, que recolle as xustas reivindicacións da cidadanía e obedece só aos seus intereses. E só un apoio maioritario á nosa proposta política permitirá que en Sada gobernemos os seus veciños e veciñas.
Nacín en Sada hai 28 anos e na actualidade traballo nunha asociación que facilita apoio e residencia para persoas con discapacidade. Gústame darme aos demais e axudar sempre no que podo. Por iso mesmo estou en Sadamaioría, un partido que cumple cos meus ideais, ten uns magníficos valores e preocúpase por construír unha Sada mellor. Con isto quero aportar un pedaciño de min, porque considero que a política activa é importante para acadar unha sociedade máis xusta e equitativa con quen máis o necesita.
Nado en Sada, teño 62 anos e e son un mariñeiro xubilado. Dediqueime á pesca do cerco durante 37 anos na Confraría de Sada e formei parte dos seus órganos de goberno. Tamén levei a cabo actividade sindical nese sector, tan necesitado dela. Sendo moi novo, tiven a sorte de formar parte da Esquerda Galega de Manolo Crisanto e compartín con el moitos anos de loita contra os escuros intereses e a corrupción do chamado Monchismo. O rexurdir deses mesmos intereses, representados agora no goberno transfuga saído da moción de censura do pasado novembro, fixo espertar en min a necesidade de retomar o compromiso activo. Eu, que me defino coma un home de esquerda sen sectarismos, decido deixar a miña cómoda vida de xubilado e apoiar a Sadamaioría coa miña presenza activa nas sua lista electoral, para que Sada volva ter un goberno legal e plenamente democrático, encabezado por Benito Portela, o vindeiro 28 de maio.
Está nas nosas mans construír unha Sada que preste atención ás necesidades de toda a poboación. É necesario o impulso da nosa cultura e a arte emerxente local, falar coa mocidade, absorver e entender as súas necesidades para que as sinerxias xeracionais estean equilibradas, sen esquecer os nosos maiores, formando espazos que favorezcan os coidados. Poder compartir ilusións conxuntas para impulsar un pobo san e o máis próspero posible, poñendo o foco nas actividades que fagan medrar o deporte de base e loitar por un entorno sostible en todos os ámbitos: sociais, urbanísticos e medioambientais.
Nacín e crieime en Meirás. Estudei en Sada, onde resido na actualidade. Preséntome na candidatura de Sadamaioría para axudar aportando traballo a un proxecto comprometido cun concello dirixido por e para a veciñanza, sempre coa vista posta no ben común, a xustiza e na mellora do noso día a día. Debemos retomar a liña dun goberno cercano, participativo e transparente para todos os veciños e continuar o traballo para que o noso concello siga medrando e mellorando as suas infraestruturas e servizos.