Hai catro anos, Sadamaioría tiña como obxectivo demostrar que outra forma de facer política é posible, conquerindo un concello para todos e todas, aberto, participativo, democrático, galego, transformador e solidario, e deixando atrás as políticas de dereitas que só obedecían e respondían ás expectativas de certos intereses creados ao longo de máis de tres décadas.
Sadamaioría segue a presentarse como un grupo de homes e mulleres sadenses que compartimos a necesidade e a urxencia de acadar que a administración municipal sexa posta ao servizo do interese xeral da cidadanía, do núcleo urbano e das parroquias, dos servizos sociais, do medio ambiente, da educación, da cultura, do deporte, etc. Non temos máis ambición que a de gobernar obedecendo, e para iso é imprescindible ter un permanente diálogo coa cidadanía. Por iso, precisamos dotármonos de ferramentas que garantan que os homes e mulleres que van participar na xestión municipal sexan consecuentes cos principios que inspiran Sadamaioría.
Como cremos que a mellor forma de gobernarse é a da cidadanía por si mesma, presentamos unha serie de medidas, recollidas no presente Código Ético, para evitar o afastamento entre os representantes e os representados e para asegurármonos de que os homes e mulleres de Sadamaioría que accedan aos cargos públicos o vaian facer cunha clara e irrenunciábel vocación de servizo público, alonxando calquera tipo de ambicións persoais, evitando así, que a política se convirta nunha profesión ou xeito de vida.
En definitiva, os compromisos e medidas introducidas no Código Ético teñen como obxectivo garantir que as persoas que nos representan poidan adicar o tempo necesario á xestión política e ás funcións públicas e, ao mesmo tempo, rematar cos privilexios dos que, durante moitos anos, gozou boa parte da clase política, e que provocaron un grave afastamento dos intereses da cidadanía.