No ano 2015, con razón e corazón, presentámonos ás eleccións municipais e acadamos un resultado que nos permitiu presidir un goberno de cambio no noso concello.
Manifestabamos entón a necesidade de que entre todas puidésemos acadar unha administración municipal ao servizo do interese xeral da cidadanía, investindo os recursos de xeito equitativo entre os núcleos urbanos e as parroquias. Tamén que traballariamos por mellorar e transformar os servizos sociais, o medio ambiente, o urbanismo, o deporte, a cultura, a educación e a igualdade de oportunidade no acceso aos postos de traballo que xera o concello.
O camiño está iniciado e parte del percorrido, pero non rematado. Queda moito por facer e pensamos que agora máis que nunca é vital a participación e a confluencia de todas as persoas que coincidimos neste obxectivo. Por iso, convidámosvos a que deades un paso adiante e participedes connosco no cambio que comezamos e que o futuro de Sada merece.
Queremos seguir facendo público o debate permanente co fin de sumar forzas, para concentrar ideas e ilusións e así afondar e mellorar o proxecto co que chegamos a presidir o goberno de Sada. Sadamaioría, pola parte que lle corresponde, nunca eludirá o diálogo, o compromiso e a unión con todas aquelas persoas que queiran conquerir unha Sada das veciñas e dos veciños.
Sada é da xente. Merece un concello da xente: aberto, participativo, democrático, galego, transformador, solidario e progresista. Unha maioría que resolva os nosos problemas, non os dos poucos. Unha maioría por Sada.
Sada, 1 de febreiro de 2019.