A formación liderada por Benito Portela estima que é preciso reaxustar o prezo público para incentivar a inscrición de novos abonados e recuperar os socios que estaban de alta no momento do peche da instalación.
A proposta de Sadamaioría no Pleno será a de suspender a matrícula durante catro meses, ao tempo que debería bonificarse substancialmente o abono do mes de maio, xa que o feito de non facelo tería un efecto disuasorio para os potenciais usuarios.
Por outra banda, a estimación realizada polo goberno de Nogareda, cun total de 707 abonados desde o primeiro mes, é demasiado optimista e non se van a alcanzar eses números nos primeiros meses. Neste sentido, é necesario sermos conscientes e recoñecermos que vai existir un desequilibrio económico, sendo o máis lóxico apostar por lograr a sostibilidade da instalación a longo prazo, deixando a un lado os obxectivos curtopracistas de imposible cumprimento.
Amais é necesario establecer unha oferta que inclúa un amplo abano de actividades, potenciar e poñer en valor os elementos diferenciais que poida ter a instalación (SPA) e, deste xeito, recuperar paulatinamente a actividade e dinamizar a instalación.
Finalmente, en canto á decisión adoptada polo goberno tránsfuga de asumir a xestión directa da instalación, debería terse tomado unha vez avaliado e comparado as diferentes opcións para prestar dito servizo, sendo preciso xustificar que a elección da fórmula de xestión elixida fora a máis sostible e eficiente, engadir unha memoria xustificativa do custe da prestación e apostar polo modelo que garanta unha mellor relación calidade-prezo.
O que resulta de todo inadmisible é o feito de carecer de criterio e andar a bandazos, falando de concesión no pleno do 29 de marzo para, o martes 4 de abril ditar un decreto de cese da concesionaria e adoptar a xestión directa. É necesario e perentorio que o departamento de Deportes estableza unha serie de obxectivos para o óptimo funcionamento da instalación que organice os recursos materiais e humanos dispoñibles. En definitiva, non se pode adoptar unha decisión deste calibre sen avaliar previamente se o persoal a subrogar é suficiente para unha prestación do servizo satisfactoria e é preciso avaliar tamén o alcance da nova situación laboral dos traballadores e as consecuencias que poida ter para o Concello de Sada, ben sexa a subrogación do persoal actual como a hipotética contratación de novo persoal.
O interese público debe prevalecer na toma de decisións e non pode vir determinado por unha sucesión de ocorrencias e improvisacións. O señor Breogán Blanco, nas diferentes datas de apertura que anunciou, falou sempre de “apertura da concesionaria”, e non se entende que agora o Concello asuma a xestión directa, aínda que transitoria e temporal, no reinicio da actividade para, cando deixe de ser deficitaria, proceder a outorgar unha concesión. Esa xestión impulsiva e non reflexiva non é propia dun concello serio e rigoroso.
Sada, 27 de abril de 2023.





