Sadamaioría vén de solicitar a inclusión urxente, na orde do día do pleno deste vindeiro xoves, da toma de coñecemento por parte da corporación municipal da expulsión definitiva das/os concelleiras/os tránsfugas.
O 24/01/2023 tivo lugar a entrada por rexistro no Concello de Sada dun escrito do PSdeG-PSOE, onde comunicaba a resolución do expediente de expulsión definitiva dos concelleiros María Pardo Fafián e Ramiro Blanco Montero. No escrito faise constar que foron expedientados e expulsados definitivamente do PSOE pola súa adscrición a unha moción de censura sen autorización dos órganos superiores do partido e, polo tanto, deixan de formar parte do Grupo Municipal Socialista de Sada.
Tal acordo de expulsión definitiva é plenamente executivo, en tanto en canto o recurso que, de ser o caso, se poda interpoñer polos expulsados ante a Comisión Federal de Ética e Garantías do PSOE non ten efectos suspensivos (art. 342 Reglamento Federal de Desarrollo de los Estatutos Federales).
Constan tamén os acordos de expulsión de Alternativa dos Veciños de María Nogareda Marzoa e Breogán Blanco González, trasladados reiteradamente a este Concello por parte da representación legal de dito partido.
Debe procederse con urxencia, e sen maior dilación, á toma de coñecemento polo Pleno da expulsión (co efecto do pase á condición de non adscritos/as) e a correlativa supresión do grupos Municipais de Alternativa dos Veciños e do PSdeG-PSOE.
Sada, 24 xaneiro 2023