O goberno presidido por Sadamaioría acordará coa Xunta a modificación do PXOM para unha nova alternativa de conexión coa Vía Ártabra.
Sada precisa darlle solución á necesidade de aparcadoiros públicos, polo cal poremos a disposición zonas de aparcadoiros disuasorios, no entorno do centro urbano.
Sadamaioría entende que un Concello como Sada, con 16.000 veciñas e veciños, e que vai seguir a medrar, precisa de máis e mellores comunicacións, tanto viarias como peonís, dentro do propio municipio e coa área metropolitana.
Por iso, e con carácter inmediato, aprobaremos e executaremos un Plan especial de mobilidade municipal para crear as bases para mellorar a mobilidade no conxunto do Concello de Sada no que se refire á comunicación viaria e as sendas peonís, baixo os principios da sostibilidade ambiental, a eficiencia enerxética, a seguridade vial e a loita contra o cambio climático.
En segundo lugar, demandaremos da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial a mellora da seguridade vial (sendas peonís, e onde sexa posible, carrís bici) nas estradas da súa titularidade, nomeadamente na estrada entre Taibó e Veigue e os accesos a Sada dende Oleiros.
Outorgaremos, mediante concurso público, novas licenzas para taxis adaptados, para dar cumprimento á normativa de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos modos de transporte para persoas con discapacidade.
No que se refire aos acceso a Sada, o goberno municipal presidido por Sadamaioría acordará coa Xunta a modificación do PXOM e, no seu caso, dos Planos viarios comarcais para unha nova alternativa de conexión coa Vía Ártabra, que evite a conexión prevista de saída do porto, dado o seu enorme impacto territorial e paisaxístico.
Asemade esixiremos á Xunta a conexión gratuíta da Vía Ártabra coa AP-9 e A-6.
Por último, somos conscientes de que Sada precisa darlle solución á necesidade de aparcadoiros públicos, polo cal poremos a disposición zonas de aparcadoiros disuasorios, no entorno do centro urbano, e con doada accesibilidade, mediante a execución das previsións do PXOM e mediante acordos de cesión temporal de terreos con suficientes prazas de aparcadoiro para que estean dispoñibles e plenamente operativos ao longo do ano, en especial nos períodos de maior demanda (fins de semana e verán).
Sada, 3 de maio de 2019.