Implantarase bonificacións e exencións tributarias para as empresas individuais de nova creación e bonificacións para as empresas xeradoras de emprego neto.
No remodelado Centro de Formación Ocupacional de Osedo implantaranse cursos adaptados aos novos xacementos de emprego.
Nestes últimos catro anos, Sada medrou en afiliacións á Seguridade Social, baixou o paro e produciuse un aumento na creación de empresas, pero dende Sadamaioría entendemos que o concello debe seguir apoiando a implementación de medidas para o fomento da actividade emprendedora no noso municipio.
Entendemos que a Sada do/a autónomo/a, da pequena e mediana empresa, debe contar co apoio e asesoramento do concello e por iso implantaremos unha cota tributaria cero para novas empresas e estableceremos bonificacións e exencións tributarias para as empresas individuais de nova creación e bonificacións para as empresas xeradoras de emprego neto.
En paralelo a estas medidas, desde o servizo municipal de emprego, seguiremos contribuíndo á formación ocupacional e á actualización das competencias profesionais.
Así, unha vez rematadas as obras de rehabilitación do Centro de Formación Ocupacional de Osedo, instarase a homologación das aulas para acceder á oferta formativa de cursos de formación, de acordo co Plan municipal e coas demandas do mercado laboral e dos novos xacementos de emprego, con especial atención á formación de desempregadas/os en sectores fundamentais para a recuperación económica e impulsar de xeito activo a formación e o emprendemento feminino con todas as axudas que están dispoñibles.
En relación ao emprego da mocidade, faremos as xestión necesarias para acceder aos fondos europeos da Estratexia 2020 ou outras fontes de financiamento, facendo énfase nas áreas nas que se detectan xacementos reais de emprego.
Por último, o goberno presidido por Sadamaioría promocionará e potenciará as bolsas de solo industrial e terciario previstas no PXOM para favorecer a implantación de PEMES e empresas de maior tamaño.
Sada, 8 de maio de 2019.





