Tamén se aprobará unha Ordenanza de Benestar Animal e modificarase a Ordenanza de limpeza para prever as áreas caninas.
Sada conta con 3.500 animais de compañía e a demanda de áreas caninas é moi alta.
Sadamaioría, sendo consciente da crecente demanda por parte da cidadanía de Sada, xa que foi obxecto dunha achega á elaboración do programa participativo da formación, incorpora como unha das 50 medidas de goberno para os catro próximos anos a delimitación de espazos de uso público, cunha superficie, temporalidade e horarios suficientes, para áreas caninas, tanto no inverno como no verán, e respectando a normativa de acceso aos areais urbanos de baño en período estival.
Actualmente, o censo de cans en Sada está composto por 3.437 animais. Os donos demandan cada vez máis un punto de encontro para sociabilizar aos cans e que estean con seres diferentes aos habituais. Esta sociabilización é fundamental para lograr un carácter equilibrado nos animais, o que permitirá unha correcta integración cívica.
A infraestrutura prevista constará dunha zona acoutada e delimitada, mediante valado ou similar, que contara cos servizos precisos para garantir o uso axeitado das instalacións a través de paneis explicativos e que incluirán ademais fonte bebedoiro, circuíto ‘agility’ (circuíto de axilidade para cans), bancos e papeleiras.
Sadamaioría tamén aprobará unha Ordenanza municipal de Benestar Animal, na que se incluirá o réxime de ditas áreas caninas. Unha ordenanza que deberá axustarse á vixente Lei autonómica de 2017, de Benestar Animal. Do mesmo xeito tamén se modificará a actual Ordenanza de limpeza, en relación co réxime de acceso dos cans aos areais urbanos, dado que non prevé as áreas caninas.
Sada, 13 de maio de 2019.





