O Concello de Sada reformou íntegramente nos últimos meses os vestiarios que se atopan ao carón das pistas polideportivas do paseo marítimo para transformalos nun espazo multiusos cuxo decoración xira en torno á vida e obra de Isaac Díaz Pardo.
Actuouse para sanear o espazo, con obras de albanelaría, fontanaría e electricidade en teitos e chans, para habilitar dúas salas multiusos (a “Sala Mimina” e a “Sala O Vello”), ademais dun aseo e almacéns. Tamén se reformou o baño exterior, que seguirá cumprindo as súas funcións de baño público.
Javier Bermúdez, artista e veciño do barrio sadense de Fontán, encargouse da a transformación exterior deste edificio público de usos múltiples para render homenaxe a Isaac Díaz Pardo no centenario do seu nacemento.
JA, que é como asina as obras Bermúdez, é ilustrador, formouse na Escola Pablo Picasso da Coruña e reinterpretou nas distintas fachadas do inmoble motivos das Cerámicas do Castro e obras coñecidas de Isaac Díaz Pardo, como a Sardiña (imaxe do Concello de Sada) ou “A rapaza que leva na cabeza un mundo de cousas que pode precisar na vida”.
O Concello de Sada optou tamén por vincular a Isaac Díaz Pardo co inmoble ao denominar a construcción “A Nave Espacial”, tanto pola súa forma como polo título e tipografía dun folleto editado no 1964 que conten os debuxos de Isaac, un eles “A Nave Espacial”.
Desde o Concello de Sada estase a valorar o uso provisional do espazo e a súa utilización por parte da cidadanía, así como polas distintas áreas municipais.
Sada, 16 de xaneiro de 2021.