María Nogareda presidiu un goberno ilegal designado por ela mesma
Os acordos do pleno, de réxime de retribucións e delegacións dos tránsfugas tamén son anulados
Sadamaioría celebra unha sentencia do TSXG que reforza o anti transfuguismo
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, estimando parcialmente o recurso de Sadamaioría contra da previa sentenza do Xulgado, vén de anular acordos do goberno tránsfuga adoptados tras a moción de censura de novembro 2022, tanto o da alcaldesa tránsfuga, Maria Nogareda, de designación do seu goberno como os acordos plenarios de réxime de adicación e representación de órganos. A sentenza do TSXG deixa claro que o goberno xurdido da moción de censura foi un goberno tránsfuga e, ademais, ilegal e ilícito.
A sentenza establece con claridade que o Concello debería ter aplicado a condición de concelleiros non adscritos a aqueles edís que foran expulsados dos grupos e das súas formacións políticas e que, en consecuencia, non podían asumir novas responsabilidades nin mellorar o seu réxime retributivo, como efectivamente aconteceu. O Tribunal anula así os nomeamentos e as retribucións aprobadas respecto dos concelleiros de Alternativa dos Veciños e do PSOE que apoiaron aquela moción.
Non sucede o mesmo no caso do PP, xa que debido á súa pasividade e inacción na toma de decisións, non constou a tempo no Concello a comunicación formal da expulsión.
Esta sentenza é especialmente relevante porque é a primeira vez que o TSXG confirma que a situación de transfuguismo non depende de se a expulsión é provisional ou definitiva, senón das ordes de expulsión do grupo comunicadas polas direccións dos partidos (como foi o caso de AV e PSOE).
O fallo xudicial confirma tamén a nulidade da compatibilidade parcial concedida á concelleira María Pardo Fabián, ao considerar que non se axustaba aos límites salariais establecidos pola lexislación sobre incompatibilidades no sector público, permitíndolle cobrar máis do que contempla a lei.
Sadamaioría recibe con satisfacción esta resolución, que supón unha mensaxe inequívoca: o transfuguismo non pode converterse nun atallo para acadar o poder nin para obter mellores condicións económicas dentro dunha institución pública. O Tribunal deixa claro que o Concello non podía ignorar as expulsións acordadas polos partidos nin reinterpretar os seus efectos para consolidar aquel cambio de goberno.
Aínda que a sentenza non impón a devolución das retribucións percibidas mentres os acordos estiveron formalmente vixentes, o pronunciamento xudicial fixa algo esencial: houbo acordos adoptados en contra da legalidade tras unha moción de censura apoiada por tránsfugas. A responsabilidade política por aquela situación queda agora respaldada por unha resolución xudicial.
Con esta sentenza na man, Sadamaioría continuará defendendo a política útil, transparente e ao servizo do interese público. A política baseada no respecto á vontade expresada nas urnas e nas regras democráticas que deben garantir a estabilidade e a dignidade institucional do Concello de Sada que en 2022 quedou cuestionada.
Sada, 2 de marzo de 2026




