Coa desaparición do Náutico, demos un primeiro e decidido paso adiante cara á rexeneración dunha contorna privilexiada no corazón da nosa vila. Dixemos adeus, por fin, a un edificio ilegal que nunca debeu ocupar un lugar extraordinario en terreo público gañado ao mar, alterando o campo visual da nosa ría e da Terraza. Porque nunca existiu unha soa razón de interese público que xustificase a construción dese inmoble, carente ademais dun mínimo valor arquitectónico, no lugar máis sensible, desde o punto de vista ambiental, da nosa fachada marítima. Así o sinalou desde o primeiro momento o daquela concelleiro Manolo Crisanto, así o denunciou nos tribunais e así o ratificou a Xustiza, nunha sentenza firme cuxo cumprimento foi sempre un compromiso irrenunciable para nós.
Hoxe podemos dicir que a vella loita de Crisanto, exemplo imborrable de decencia e honradez política e persoal, dos seus herdeiros e de tanta veciñanza que viu aquela operación urbanística como o que sempre foi, unha agresión inxustificada e inxustificable ao patrimonio común, non caeu en saco roto. Malia os anos pasados, o Náutico desapareceu grazas a todas e cada unha desas persoas que mantiveron a pugna acesa e a memoria viva.
Sada, xuño de 2022.