O goberno tránsfuga destina case un terzo do orzamento anual para festas a un só evento musical con artistas dos anos 80, que se celebrará a tres semanas das eleccións municipais.
Pola contra, a señora Nogareda e o seu goberno, negaron no seu momento a colaboración ao Festival Touliña Pop, alegando falta de orzamento, e puxeron impedimentos á asociación de música e danza tradicional Queiroa para o desenvolvemento normal da súa actividade.
Nestes días puidemos comprobar como, a golpe de decreto, a señora Nogareda aprobou a contratación, por procedemento negociado sen publicidade e por un importe de 68.728 euros, dun festival de música a celebrar no mes de maio. O festival “electoral” que terá lugar o vindeiro 6 de maio pasará a ser, atendendo á cantidade a desembolsar polo goberno da señora Nogareda, un dos concertos máis caros da historia do concello de Sada.
Deste xeito, resulta obvio que, tanto a responsabilidade coa xestión dos cartos públicos que tanto preocupaban co Touliña Pop, como que dito festival supoñía unha competencia desleal para a hostalería sadense, parecen terse disipado cun concerto de música dos 80 que, amais dos cachés, contará con gastos de camerinos, plan de seguridade, impacto acústico, publicidade, etc.
Por todo o anterior, dende Sadamaioría consideramos que, unha vez máis, fica patente a nula aposta do goberno tránsfuga pola cultura galega, a súa total falta de apoio ao asociacionismo local e a súa absoluta incapacidade á hora de fomentar a participación veciñal na vida municipal. Resulta evidente o claro carácter electoralista dun evento que o único que pretende é tapar as grandes eivas na xestión dun goberno municipal errático, roto e sen un proxecto claro e definido para Sada.
Sada, 12 de abril de 2023.