A expropiación, duns vintecinco mil m2, ten un custo estimado de 149.352€.
A actuación está prevista no PXOM e os terreos destinaranse á preservación e posta en valor do humidal protexido.
Na convocatoria da Comisión Informativa Xeral efectuada o luns, inclúense, dentro do modificativo de crédito do Orzamento en vigor para incorporar desde o remanente de tesoureira, os fondos precisos para iniciar o procedemento expropiatorio do espazo denominado “ESPAZO LIBRE DAS BRAÑAS FASE I”, isto é, os terreos que están máis próximos ao núcleo urbano de Sada e onde o goberno de Rodríguez Ares executou un recheo ilegal.
A actuación é o SXEL-06-31 (adxúntase plano indicativo contido na ficha correspondente do PXOM).
Unha vez aprobado o PXOM, o Concello de Sada está obrigado a executalo obtendo os terreos dotacionais así previstos no mesmo, segundo se determina na estratexia de actuación do propio documento.
A obtención destes terreos é un obxectivo prioritario para o Goberno de Sada, xa que por unha banda pódense incorporar ao dominio público local e afectalos aos usos dotacionais previstos polo PXOM e, por outra, ponse en marcha a preservación e posta en valor, cos usos admisibles que se establezan tanto no Plan de Ordenación do Espazo Natural de Interese Local de As Brañas (ENIL), cuxa declaración está en trámite ante a Xunta de Galicia, así como no propio Plan Especial de Protección de As Brañas, ao que especificamente remite a propia ficha do PXOM.
A superficie do ámbito é de 25.075 m2, sendo a superficie para expropiar de 24.892 m2, figurando no PXOM un custo para a devandita superficie de 149.352,00 €.
Esta actuación vén contemplada como prevista para a súa realización dentro do primeiro cuadrienio do Plan Xeral de Ordenación Municipal, sendo a expropiación o mecanismo previsto para a obtención da devandita superficie dotacional.
Sada, 17 de abril de 2019.