A expropiación, duns vintecinco mil m2, terá un custo estimado de 149.352€.
A actuación está prevista no PXOM e os terreos destinaranse á preservación e posta en valor do humidal protexido.
No pleno do 29 de agosto deuse luz verde a un modificativo de crédito que permitirá iniciar a expropiación da primera fase do Espazo Libre das Brañas e así iniciar o proxecto para protexer e poñer en valor este espazo natural. O punto contou co respaldo de Sadamaioría, BNG, AV e PP e coa abstención do PSOE.
Unha vez aprobado o PXOM, o Concello de Sada está obrigado a executalo obtendo os terreos dotacionais así previstos no mesmo, segundo se determina na estratexia de actuación do propio documento.
A obtención destes terreos é un obxectivo prioritario para o Goberno de Sada, xa que por unha banda pódense incorporar ao dominio público local e afectalos aos usos dotacionais previstos polo PXOM e, por outra, ponse en marcha a preservación e posta en valor, cos usos admisibles que se establezan tanto no Plan de Ordenación do Espazo Natural de Interese Local de As Brañas (ENIL), cuxa declaración está en trámite ante a Xunta de Galicia, así como no propio Plan Especial de Protección de As Brañas, ao que especificamente remite a propia ficha do PXOM.
Esta actuación vén contemplada como prevista para a súa realización dentro do primeiro cuadrienio do Plan Xeral de Ordenación Municipal, sendo a expropiación o mecanismo previsto para a obtención da devandita superficie dotacional.
Sada, 30 de agosto de 2019.