EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
1.- A moción de censura do pasado venres 18 de novembro foi un claro acto de transfuguismo, e así debe ser cualificado, expresado e denunciado.
Porque transfuguismo é, con pleno e previo coñecemento, apartarse das directrices e criterios fixados polas respectivas organizacións políticas co obxectivo de censurar alcaldías e gobernos e alterando as maiorías de goberno resultado das eleccións municipais e, por tanto, violentando e falseando a vontade cidadá expresada en furna.
O transfuguismo non é un termo descritivo nen de relato político. Está correctamente definido e delimitado nos sucesivos Pactos anti-transfuguismo que desde o 1998 (e coas sucesivas adendas) teñen asinado forzas políticas democráticas (entre elas, o PSOE e mais o PP).
Así, por exemplo, no acordo de 2006, defínese por tránsfuga:
“aos representantes locais que, traizoando aos seus compañeiros de lista e/o de grupo, – mantendo estes últimos a súa lealdade coa formación política que os presentou nas correspondentes eleccións locais-, ou apartándose individualmente ou en grupo do criterio fixado polos órganos competentes das formacións políticas que os presentaron, ou sendo expulsados destas, pactan con outras forzas para cambiar ou manter a maioría gobernante nunha entidade local, ou ben dificultan ou fan imposible á devandita maioría o goberno da entidade.”
Engadindo, de seguido, que:
“cando xurdisen dúbidas sobre que membros dunha lista e/o grupo político incorreron en transfuguismo, será a formación política que os presentou a que deberá aclarar por escrito cales deles apartáronse da disciplina de partido, a efectos da súa cualificación como tránsfugas. As medidas previstas neste Acordo con respecto aos tránsfugas, serán igualmente de aplicación a aqueles membros das entidades locais que se beneficien da súa conduta.”
Na III Adenda (do 2020), sinálase tamén que o transfuguismo “es una forma de corrupción y una práctica antidemocrática que altera las mayorías expresadas por la ciudadanía en las urnas.”.
Un compromiso de batalla contra do transfuguismo que obrigaba ás forzas políticas asinantes a exercitar as medidas disciplinarias, e “incoar los correspondientes expedientes disciplinarios y expulsar de la organización al concejal tránsfuga, o a aquéllos que violenten el citado compromiso instrumentalizando o apoyándose, en su provecho, en los concejales tránsfugas”, tal e como se acorda na Adenda do 2006.
Negar ou pretender negar que a moción de censura do pasado venres 18 de novembro foi un acto de transfuguismo e que as/os concelleiras/os asinantes son tránsfugas é unha evidente mentira e falsidade no plano político.
O goberno saído da moción é un goberno tránsfuga e composto na súa totalidade por tránsfugas, e así debe ser considerado, tamén polos propios asinantes da moción, coñecedores e sabedores dos escritos orgánicos de expulsión e incoación de expedientes disciplinarios, precisamente por actuar á marxe e en contra das directrices e criterios dos partidos. E decimos sabedores porque con independencia dos procedementos e garantías estatutarias, todas as tránsfugas sabían e coñecian os escritos dos partidos respectivos, polo menos de AV e PSOE, dado que foron traslados oficialmente a este concello, mediante escritos á alcaldía e secretaría do Concello, respectivamente (escritos da presidencia de AV de 7 e 17 deste mes e escrito do secretario de organización da Comisión Executiva provincial de A Coruña do PSOE do día 17, tal e como se expuxo no Pleno do pasado 17 de novembro, ao que non asistiron, pero o cal non evita o coñecemento de ditos escritos).
Mais de catro mil veciñas e veciños de Sada, votantes de PP, PSOE e Alternativa dos Veciños, viron o pasado 18 de novembro como 9 tránsfugas alteraban a vontade democrática de maio de 2019, a so seis meses das próximas eleccións municipais, e sen mais motivos e causas reais que os de cambiar de alcaldía e de goberno.
2.- Obviamente, o Pacto anti-transfuguismo non é unha disposición legal, pero si o é o art. 73.3 da Lei de Bases de Réxime Local. Un precepto legal que foi precisamente introducido nesa Lei co antecedentes, causa e xustificación do contido do dito Pacto, tal e como expresamente se recoñece pola doctrina e a Xurisprudencia.
Así, a xa coñecida e relevante STS de 26/10/2020, precisa con rotundidade que “1.El artículo 73.3.3º de la LRBRL establece limitaciones en el ejercicio de derechos políticos y económicos por los concejales no adscritos. Tal regulación trae su causa del Acuerdo 7 de julio 1998 firmado por diversos partidos políticos, del documento de 26 de septiembre de 2000 por el se renueva ese Acuerdo y por la II adenda al mismo de 26 de mayo de 2006, de los que se deduce sin matiz una idea de censura a lo que se denomina transfuguismo.
2. Estos acuerdos se basan en la idea de que el transfuguismo implica una alteración o falseamiento de la representación política, en cuanto actuación desleal hacia la voluntad que los ciudadanos manifestaron con sus votos. Con tal inspiración, del artículo 73.3.3º de la LRBRL se deduce una intención disuasoria del transfuguismo, idea que recoge la doctrina del Tribunal Constitucional y la jurisprudencia de esta Sala”.
Un precepto legal, o do art. 73.3 LBRL, que traslada os obxectivos do pacto anti-transfuguismo ás disposicións normativas respecto das/os concelleiras/os non adscritas, e mais en concreto, tanto respecto da non pertenza a grupo como dos dereitos políticos e económicos, que, como xa ten interpretado tanto o Supremo como outros órgaos xudiciais e reiterados Ditames de consellos consultivos determinan a imposibilidade legal de que ditas concelleiras non adscritas podan formar parte de Xunta de Goberno Local, asumir concellalías-delegadas e as correlativas retribucións.
Por todo o anteriormente exposto, sométese á consideración do Pleno o seguinte ACORDO :
-
O Pleno da Corporación expresa o seu apoio ao Pacto Antitransfuguismo de xullo de 1998, así como ás súas Adendas posteriores de setembro de 2000, maio de 2006 e novembro de 2020.
-
O Pleno da Corporación considera que a Moción do pasado 18 de novembro de 2022 é un acto de transfuguismo.
-
O Pleno da Corporación insta da alcaldía a dar efectivo cumprimento ao disposto no art. 73.3 da Lei de Bases de Réxime Local, adoptando as medidas orgánicas executivas oportunas, tanto en relación coa toma de coñecemento por este Pleno da condición de non adscritos das persoas expulsadas das súas organizacións e da supresión de grupos municipais, asi como do de non nomeamento ou cese de ditas persoas na condición de membros da Xunta de Goberno Local e/ou concellalías-delegadas.
-
Dar traslado deste acordo á “Comisión de Seguimiento del Pacto por la Estabilidad Institucional y lucha contra el Transfuguismo Político”.
Sada, 24 de novembro de 2022.





