O Pleno da Deputación da Coruña aprobou o pasado venres o POS+ 2023, no que a contía económica asignada ao Concello de Sada será de 495.430,93 euros, entre gasto corrente e investimentos financeiramente sostibles, e de 83.835,85 euros da achega extraordinaria para gasto social.
Sadamaioría enmarca as súas propostas nun plan de mellora dos equipamentos deportivos, humanización dos espazos públicos e de acondicionamento dos viais municipais existentes no termo municipal.
Sadamaioría propón acometer a mellora do campo de fútbol de Carnoedo, cuns traballos de acondicionamento e instalación de céspede artificial no campo de A Grela que permitirán unha mellora ostensible na utilización do campo, tanto por parte do Carnoedo CF, como de outros clubs existentes no municipio. As obras consistirían na mellora e acondicionamento do firme, cun pequeno incremento de dimensións do terreo de xogo para, posteriormente, proceder á instalación de céspede artificial en toda a superficie. Dende Sadamaioría destácase que o Concello xa ten redactado o proxecto construtivo e que nos últimos meses procedeuse á realización da revisión e actualización de prezos do mesmo, cifrándose o orzamento total da actuación nuns 500.000€, incluído o correspondente IVE.
Así mesmo, Sadamaioría propón incluír no POS+2023 complementario outras dúas obras: por unha banda, a mellora da seguridade viaria e acondicionamento da rúa de entrada e do entorno da Casa do Pobo de Meirás, unha actuación cun importe de execución estimado de 130.000€ (IVE incluído) e, por outra, o acondicionamento do vial municipal existente entre o lugar de Vertín (Mondego) e o lugar de Esperela (Mosteirón), proxecto cun orzamento de execución estimado de 265.000€ (IVE incluído).
En canto á achega extraordinaria de gasto social, que nos últimos dous anos se destinou a suplementar as axudas por emerxencia social coa finalidade de dar resposta ás novas necesidades provocadas pola pandemia do COVID e á inflación dos produtos de primeira necesidade e subministros básicos, proponse facer fronte a aquelas situacións de emerxencia que dende o departamento de Servizos Sociais consideren necesario atender de xeito prioritario.
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o luns 12 de decembro de 2022 e rematará ás 15.00 horas do martes 14 de febreiro de 2023.
Sada, 26 de novembro de 2022.





