O Grupo Municipal do Sadamaioría presentará no pleno de mañá 28 de marzo unha moción instando ao Goberno do Estado a que se impulsen e interpoñan canto antes as accións legais, administrativas e xudiciais que procedan para incorporar ao patrimonio público a propiedade das Torres de Meirás, e a se que actúe consonte o indicado na conclusión final do Informe da comisión de expertos nomeada polo Parlamento de Galicia, tal e como se acordou no Pleno do Parlamento de 11 de xullo.
Sadamaioría entende que o Goberno do Estado non pode demorar nin un minuto máis as accións xudiciais para a incorporación do Pazo de Meirás ao Patrimonio Público.
Dende o goberno do Estado débeselle dar o mesmo interese político e urxencia ao Val dos Caídos e ao Pazo de Meirás para poñer fin á vergoña e ao anacronismo histórico de que a familia do ditador siga detentando a propiedade do Pazo
Por outra banda, o GM de Sadamaioría presentará outra moción instando á Xunta de Galicia a que incoe urxentemente o expediente da declaración como ben de interese cultural do conxunto das Cerámicas do Castro. A importancia de proceder de xeito inmediato coa incoación do expediente ben dada porque, co acordo de incoación, o ben xa se somete ao réxime de protección BIC, isto é, xunto co acordo de incoación aplícase de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural.
Dende que en marzo de 2018 a Xunta fixera o anuncio de que iniciaba os estudos previos para proceder a incoación da declaración de Ben de Interese Cultural pouco máis se ten feito ao respecto e mentres tanto comeza a ser preocupante o estado de deterioro e abandono do Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside, segundo se conclúe de diferentes visitas realizados por expertos na materia.
Polo tanto Sadamaioría tamén insta á Xunta de Galicia a que subscriba o convenio solicitado por parte do Concello de Sada e os propietarios do Museo Carlos Maside para súa rehabilitación e posta en marcha.
O estado de abandono e deterioro do Museo Galego de Arte Contemporáneo Carlos Maside non pode nin debe adiarse máis no tempo.
Sada, 27 de marzo de 2019.




