En relación á nota de prensa do BNG recollida na prensa de onte, Sadamaioría precisa o seguinte:
Primeiro.- Sadamaioría valora positivamente o cambio de posición do BNG respecto da demolición do Náutico, aceptando agora a realidade da obriga de executar a sentenza e a demolición total do edificio e a sua imposible legalización. Pero Sadamaioria lémbralle ao BNG que as execucións das sentenzas non poden ser obxecto de negociación. A sentencia vaise executar porque así se deriva necesariamente do fallo xudicial firme, e non pode condicionarse sobre un acordo sobre o futuro uso dos terreos.
Segundo.- Como así comprometeu o Alcalde de Sada, Benito Portela, o asunto vai regresar a pleno. Nese momento o BNG poderá votar o que considere oportuno, pero unha sentenza non se negocia nin condiciona. Unha sentenza execútase. Se o que pretende o BNG é que a cambio de votar a favor do cumprimento dunha sentenza xudicial, Sadamaioría se comprometa a apoiar a súa ou outra proposta de equipamento, están moi equivocados.
Terceiro.- A execución da sentenza e o destino e uso dos terreos son cuestións distintas e separables. Por unha banda e en primeiro lugar, execución de sentenza e demolición do Náutico, acordo ineludible e non suxeito a posible negociación. E pola outra, a proposta de usos para esa superficie, unha vez demolido o edificio.
Cuarto.- Unha vez demolido o edificio será o momento de acordar o que facer nos terreos, todo iso coa imprescindible participación pública. E será nese momento cando debe valorarse a pregunta básica: os equipamentos que propoñen uns e outros teñen que localizarse precisamente no lugar mais sensible ambientalmente do bordo litoral de Sada, alterando o campo visual da Terraza (en trámite BIC) e da ría? Non hai máis alternativa que situar eses equipamentos precisamente no lugar que hoxe ocupa o Náutico? Esas son as preguntas pertinentes que corresponden, e non entrarmos agora nun concurso de ocorrencias e propostas, máis ou menos atinadas, que omiten o trascendente: cales son as razóns de interese público que xustificarían construír un edificio precisamente nesa superficie.
Sada, 3 de outubro de 2018.