No pasado Pleno municipal ordinario do 30 de marzo aprobouse a moción de Sadamaioría instando ao goberno do Estado á derrogación dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo. A moción aprobouse cos votos a favor de Sadamaioria e BNG e a abstencíón das/os tránsfugas.
Na xustificación da moción Sadamaioría facía referencia a que os plans aprobados supoñen unha grave afectación sobre a biodiversidade e un impacto negativo sobre o sector pesqueiro galego, tendo en conta que a distribución das zonas de reserva para eólica mariña afecta moi especialmente á costa galega, onde se concentran cinco polígonos cun total de 2.351 km², o 47,51% do total do Estado. A moción aprobada tamén se fundamenta no feito de que os plans foron aprobados sen contar coa participación real do sector pesqueiro e entidades ecoloxistas e ambientalistas, e sen dispoñer de suficientes informes técnicos de impacto da eólica mariña, o que infrinxe un principio básico da UE como o de cautela e precaución nna aprobación de plans de ordenación. Na moción tamén se dicia que “É evidente a necesidade da transición enerxética europea con predominio de enerxías renovables, mais esa transición cara ás enerxías renovables non se pode facer sacrificando un sector económico esencial en Galicia, nen asumindo uns desproporcionados custes ambientais, sociais e económicos en beneficio do oligopolio enerxético”.
A moción aprobada contén a seguinte parte dispositiva :
1º.- O Pleno da Corporación insta ao goberno do Estado á inmediata derrogación do RD 150/2023, do 28 de febreiro, dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo.
2º.- O Pleno da Corporación insta ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico para que proceda á apertura dun proceso de participación pública coas entidades representativas do sector pesqueiro, colectivos ecoloxistas e cidadanía en xeral, aos efectos de aprobación duns Plans de ordenación que, compatibilizando a eólica mariña coa salvagarda ambiental da biodiversidade e os recursos e actividade do sector pesqueiro, supoñan unha distribución territorializada ponderada e equilibrada.
3º.- O Pleno da Corporación insta ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico a que con caracter previo ao indicado no apartado anterior, e de conformidade co principio de cautela e prudencia, proceda á realización e posterior avaliación contrastada dos estudos de impacto xerado pola infraestrutura eólica nos espazos mariños tanto a nivel ambiental e de biodiversidade como sobre os recursos e actividade do sector pesqueiro.
4º.- Dar traslado dos presentes acordos á Presidencia do goberno do Estado, Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, así como á Xunta de Galiza, e grupos parlamentarios das Cortes do Estado e Parlamento de Galiza.
5º.- Facúltase á alcaldía-presidencia para a execución e efectivo cumprimento do acordado.
Sada, 1 de abril de 2023





