Sadamaioría reclama a Portos de Galicia a mellora de dúas explanadas situadas en zona portuaria: unha na contorna do edificio do Concello, na avenida do Porto, e outra na do parque infantil.
Ao mesmo tempo, agradece que se incluíra nos traballos que se están a executar a demanda feita en marzo de 2022 desde o Concello de Sada para a ampliación do paso de peóns existente na avenida do Porto para facilitar o acceso peonil á zona do centro comercial.
Ante o inicio dos traballos de reposición de firmes en distintas zonas do porto de Fontán-Sada que está a levar a cabo o ente público Portos de Galicia, Sadamaioría bota en falta a inclusión nos mesmos do acondicionamento de dúas explanadas existentes na zona portuaria ante o mal estado das mesmas. Tal e como xa se demandara con outros espazos deteriorados do entorno portuario e coa propia avenida do Porto, foi en outubro de 2022 cando, dende o concello e transmitindo as demandas dos veciños da contorna, se reclamou á xefatura da zona centro de Portos de Galicia, tanto en visita á zona como por medio de correo electrónico, a execución de tales traballos de mellora das explanadas existentes no entorno do edificio do concello e no do parque infantil. Lamentablemente eses traballos non se incluíron no proxecto que se está a executar polo cal, desde Sadamaioría, demándase que, o máis axiña posible, se proceda á reposición do pavimento dos espazos anteriormente especificados para, deste xeito, deixalos nun estado óptimo de uso.
Do mesmo xeito, dende Sadamaioria agradécese a inclusión da demanda feita dende o Concello de Sada, en marzo de 2022, referida á ampliación do paso de peóns existente na avenida do Porto para facilitar o acceso dos peóns a zona do centro comercial, actuación que si está a ser executada nos actuais traballos de acondicionamento da zona.
Sada, 21 de marzo de 2023.





