Catro meses despois de perpetrar unha moción de censura, Sadamaioría fai balance do mandato do goberno tránsfuga.
Mentres PP, PSOE e AV desautorizaban a moción de censura, aquel 18 de novembro os concelleiros decidiron continuar adiante contra a vontade da cidadanía, nacendo así o primeiro goberno de Sada formado integramente por tránsfugas.
Os tránsfugas xustificaron a moción de censura acusando a Benito Portela de “incumprir acordos plenarios”, da “reiterada falta de transparencia”, da “falta de control das empresas contratistas” ou de “non impulsar importantes licitacións”, vagos e abstractos argumentos que deixaban entrever que a única obxectivo real era destituír o alcalde lexítimo de Sada.
Tardaron meses en pasar ao grupo de non adscritos, aferrándose ás siglas dos partidos dos que foron expulsados, e tentaron apoiarse na promesa de desbloqueo de puntos nos que, catro meses despois, a veciñanza aínda non viu solución ou cambio algún.
- Transparencia: na totalidade dos plenos convocados, Nogareda introduce puntos de urxencia, sen documentación completa. Retraso reiterado no acceso á información por arte dos grupos da oposición, nóminas, informes dos habilitados, expedientes de contratación…
- Incumprimento de acordos plenarios: o simulacro do Río Maior. Aínda non realizaron ningunha xestión no que, realmente, foi unha escusa para tentar bloquear un proxecto moi necesario e transformador.
- Impulsar licitacións importantes: nos últimos catro meses o concello de Sada tan só publicou a licitación do contrato da asesoría xurídica, cos pregos xa rematados, e tiveron unha advertencia do Tribunal de Contratación, por non respectar a proporcionalidade e a concurrencia nas súas resolucións. Non hai novas obras en licitación e si unha parálise das que se deixaron en contratación por máis de 1,3 millóns. Non son unha prioridade para o goberno tránsfuga.
- Falta de control das empresas: a piscina municipal. Sendo María Nogareda a responsable da área de Deportes, deixou que quedara en precario o contrato da empresa concesionaria. No pasado pleno, Breogán Blanco recoñecía ter problemas con dita empresa. A obra está rematada pero a piscina sigue pechada.
- Pista de patinaxe: non iniciaron o expediente de contratación do novo proxecto, que contaba con 65 mil euros que foron xa retidos polo anterior goberno.
- Modificación puntual do PXOM: os tránsfugas votaron no seu día en contra da corrección de erros proposta polo anterior goberno, asegurando que o procedemento da modificación parcial era máis garantista e podería aprobarse en catro meses. Pois ben, aínda non iniciaron a contratación.
- Estabilización persoal municipal: numerosos erros nas bases de estabilización, varios recursos sen resolver, unha preocupante falta de vontade negociadora con sindicatos e traballadores, que na actualidade continúan coa incerteza sen saber se o goberno tránsfuga dará mais pasos neste proceso.
- Pazo de Meirás: denuncias da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, centros escolares sen poder realizar as visitas xa programadas, nunha preocupante desidia amosada polo goberno tránsfuga, que rematou cando as denuncias se fixeron públicas ante os medios de comunicación.
- Servizos sociais: non se contratan as traballadoras necesarias para cubrir as prazas vacantes, argumentando que o anterior goberno deixou caducar as bolsas de contratación, cando a realidade é que as bolsas de traballadoras e educadoras sociais están vixentes e con posibilidade de prórroga. Simplemente, non é unha prioridade.
Cunha falta total de apoio ás asociacións culturais e veciñais e a amplos sectores da economía local, como a hostalería, o pouco compromiso coa cidadanía do goberno tránsfuga queda máis que demostrado. As máximas prioridades deste desgoberno foron aprobar as súas retribucións é culpar a outros da súa inoperancia
Sada, 18 de marzo de 2023.