A alcaldesa tránsfuga suspende o pago de nómina a María Pardo, despois de que o interventor confirmase o que Sadamaioría e BNG denunciaron, a ilegalidade da compatibilidade e retribucións de dita concelleira.
Tal e como advertira Sadamaioría no pleno celebrado o 29 de decembro, os 48.871,14€ que cobra María Pardo dos concellos de Bergondo e Sada superan os límites legalmente establecidos.
A alcaldesa tránsfuga, María Nogareda, mediante decreto a alcaldía de 31/01/2023 (que Sadamaioría vén de coñecer) acorda suspender o pago de nómina á concelleira tránsfuga María Pardo, “en tanto non se resolva o recurso de reposición interposto polo BNG o 28/01/2023 sobre o recoñecemento de compatibilidade mediante acordo plenario de data 29/12/2022 do seu cargo municipal en réxime de dedicación parcial”.
A decisión da alcaldía vén precedida dun informe de intervención (tamén coñecido por Sadamaioría no día de hoxe) no que confirma o que tanto Sadamaioría como BNG tiñan denunciado: a ilegalidade clamorosa das retribucións e compatibilidade parcial da concelleira tránsfuga, María Pardo, ao incumprirse claramente a normativa legal en materia de incompatibilidades.
O interventor, no seu informe de 31/01/2023, e despois de facer referencia a distintos preceptos da Lei 53/1984, de incompatibilidades, conclúe que “a xuízo desta intervención non se dan os requisitos previstos na normativa de aplicación para outorgar a compatibilidade no exercicio do cargo de concelleira delegada dos servizos de facenda, contratación e seguridade cidadá en réxime de adicación parcial, coas actividades públicas do seu posto de funcionaria de carreira do concello de Bergondo; xa que non se respectan os límites de retribucións previstos no artigo 7 da Lei 53/1984”.
Tanto Sadamaioría (que xa ten recorrido ditos acordos do Pleno de 29/12/2022 ante os Xulgados do contencioso-administrativo) como o BNG (que os ten recorrido en vía administrativa), tiñan advertido expresamente que ditos acordos eran ilegais e que debían ser anulados, dada a manifesta infracción dos límites legais de retribucións que acumularía María Pardo (48.871,14€, en 28 pagas, en total, entre Sada e Bergondo).
De feito, os grupos municipais de Sadamaioría e BNG teñen solicitado un pleno extraordinario para, entre outros asuntos, resolver o recurso do BNG contra duns acordos que, á vista do informe de intervención e pendente o de secretaría (que descoñecemos a súa emisión, ou non), deben ser anulados no relativo á compatibilidade e retribucións da tránsfuga María Pardo, debéndose proceder á regularización das retribucións e devolución das indebidamente percibidas. O asunto é de especial gravidade e ten como principal responsable a alcaldesa tránsfuga María Nogareda e o conxunto do seu goberno. Quen predicaba legalidade vese agora, á vista do informe de intervención, que infrinxiu a normativa legal co único obxectivo e resultado de beneficiar a unha das persoas que lle deu o voto na moción de censura.
Sada, 07/02/2023