O goberno tránsfuga nega a colaboración ao Festival Touliña Pop, que busca alternativas para a súa celebración, e pon impedimentos á Asociación de música e danza tradicional Queiroa para o desenvolvemento normal da súa actividade.
O comunicado da asociación Touliña Pop é claro ao respecto da negativa do Concello de Sada e di que, despois dunha entrevista co concelleiro de Cultura e Turismo, José Luis Tellado, recibiu, vía whatsapp, unha mensaxe da que sacan dúas conclusións: primeira, que o concello de Sada non ten cartos (cartos hai, outra cousa son as opcións do goberno tránsfuga que ao mellor prioriza a entidades ou asociacións con pouco ou ningún arraigo no concello) e, segundo, que, para o concelleiro, o festival supón unha competencia desleal para a hostalería sadense.
O certo é que o Festival Touliña Pop, empezou a celebrarse en maio do ano 2017 e, dende esa data, o seu crecemento foi continuuo, sendo o ano pasado, 2022, no que se produciu o seu despunte, tanto a nivel musical como de participación popular e de repercusión económica no concello. O festival, organizado pola asociación cultural Touliña Pop, tivo ata o de agora o apoio do Concello, sendo este o primeiro ano no que asociación ten que buscar outras alternativas para poder celebrarse.
Non é esta a única asociación á que se lle poñen trabas dende o goberno tránsfuga de María Nogareda. Cómpre lembrar que a Asociación de música e danza tradicional Queiroa foi expulsada do centro escolar onde tiña a súa razón social, dende hai máis de vinte anos e con permiso outorgado pola xefatura provincial de educación da Xunta de Galicia, sen que os actuais gobernantes municipais propuxeran solución algunha ao respecto.
Dende Sadamaioría descoñecemos o motivo ou o interese polo cal o goberno tránsfuga non apoia ás asociacións culturais do noso municipio, responsables, sen dúbida, do medre do tecido social e cultural do noso concello. O que si sabemos é que mentres o o goberno municipal presidido por Benito Portela, tomaba decisións ante os problemas que xurdían, aumentaba as liñas de subvencións culturais, colaboraba nos distintos eventos organizados polo tecido asociativo e impulsaba proxectos como o do acondicionamento das Escolas de Carnoedo para dotar ás asociacións de espazos, o goberno da tránsfuga María Nogareda demostra a súa falta de iniciativa e a súa ineficacia limitándose a dicir non ás propostas das entidades asociativas, polo que esiximos, de maneira inmediata, un cambio de actitude nun eido fundamental para o desenvolvemento colectivo do noso concello.
Sada, 31 de xaneiro de 2023.





