O goberno tránsfuga pon freo á colocación das letras ornamentais na contorna da Terraza, unha intervención artística prevista durante o goberno de Benito Portela.
Coa intención de continuar a liña xa trazada en anteriores actuacións realizadas en distintos puntos do concello, actuacións nas que se amosaba o respecto e a admiración pola obra e o traballo de Isaac Díaz Pardo, o anterior goberno encargaba o deseño dunhas letras ornamentais, para seren colocadas no pequeno outeiro situado a carón do edificio de A Terraza, a Ramón García, licenciado en belas artes, artista e profesor na escola de pintura da nosa vila. Unha vez finalizado o deseño, foron as Cerámicas do Castro as encargadas de realizar á materialización do proxecto, o cal pretendía ser un elemento de atracción turística e, ao mesmo tempo, aglutinador de dúas realidades fundamentais para a Vila de Sada como son as Cerámicas do Castro e o edificio de A Terraza.
Tendo en conta que as letras foron entregadas ao concello xa no mes de decembro e ante a falta de iniciativa do goberno tránsfuga ao respecto, dende Sadamaioría esiximos a execución o máis axiña posible desta intervención que conta cos permisos pertinentes da Dirección de Patrimonio Cultural para o lugar no que se previu a súa execución.
Sada, 3 de febreiro de 2023.