Baixo o título “Afoutas! Preparamos xuntas o 8M?”, Sadamaioría organiza hoxe venres, 1 de marzo, un serán reivindicativo con varias actividades, abertas todas elas á participación, co que convida á veciñanza sadense a unirse para preparar a manifestación nacional unitaria do Feminismo Galego, que terá lugar en Lugo o domingo 3, e a Folga Feminista do 8M.
A partir das 18 horas, terá lugar un obradoiro de batukada feminista, no que as participantes construirán os seus popios instrumentos de percusión con materiais reciclados que poidan achegar (bidóns, envases grandes de produtos de limpeza, culleres ou paus). Alí estarán dispoñibles materiais para pintalos e axeitalos. Axudadas por monitoras de percusión, as participantes aprendererán os ritmos básicos para facer unha batukada feminista.
Contra as 20 horas, proxectarase a curtametraxe galega “Matria”, premiada nos festivais de Valladolid e Sundance e recentemente nomeada aos premios Goya. En tan só 21 minutos, Álvaro Gago achegará ao público o universo cotián das nosas heroínas silenciosas.
A proxección dará pé a un faladoiro no que participarán a profesora de Socioloxía na UDC, Belén Fernández Suárez, e a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais, Rosa Arcos. As asistentes poderán debater sobre os importantes retos que o feminismo ten por diante neste 8M e na nosa sociedade.