A sentenza declara probado que amañou a praza para a coordinadora.
Quen viola os principios básicos da ética na administración e dos deberes dun cargo público non pode ser candidato.
Por dignidade e por responsabilidade políticas, Anido debería renunciar a ser candidato, e se non o fai, o PP debería poñer outra persoa.
En calquera caso, a cidadanía de Sada ditará sentenza o 26 de maio.
En relación coa sentenza da Audiencia Provincial coñecida no día de onte, Sadamaioría quere precisar o seguinte:
1.- A sentenza é politicamente demoledora para Anido, por moito que tivese sido absolto do delito de prevaricación. Anido non é, penalmente, un delincuente, pero a sentenza declara probado que participou, organizou, e executou un “entramado calculadamente deseñado” para amañar o contrato da praza de coordinadora, violando dese xeito os máis básicos principios de interese público.
Ernesto Anido está politicamente incapacidado e inhabilitado para ser candidato a alcalde de Sada. Unha persoa que desde o posto de alcalde contribuiu, como di a sentenza, a “facer trizas o principio de imparcialidade” non pode ser candidato.
Unha persoa que desde o cargo de alcalde participou e contribuiu a “satisfacer intereses puramente privados con evidente desprezo dos intereses públicos e incluso do propio Erario público municipal”, que é o que di a propia sentenza, e así o declara probado, non pode ser candidato a alcalde.
2. Anido debería asumir as suas responsabilidades políticas, renunciando a ser candidato, e o Partido Popular non pode presentar de candidato a unha persoa como Ernesto Anido.
Sadamaioría pregunta onde están os principios do Partido Popular: están en “facer trizas” o Estado de Dereito, no tráfico de influencias, na organización planificada dun entramado delitivo?
Sadamaioría pregunta se o PP vai presentar un candidato que non foi condenado porque a reforma do Código Penal non prevé un tipo delitivo concreto para o caso dun funcionario que se deixa traficar, pero que organiza e executa un amaño e un entramado para contratar un cargo directivo cun salario de 70.000€?
O presidente da Xunta de Galicia e presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, debería responder se Anido é un exemplo de ética e rexeneración para a vida pública ou se a vergoña do acontecido e probado pola sentenza obriga a designar
outro candidato.
3.- En calquera caso, a cidadanía se Sada tomará cumprida nota e ditará sentenza o 26 de maio. E ditará sentenza desterrando da vida política o favoritismo, os amaños, as trampas, as tramas, o tráfico de influencias, o manexo do concello para intereses privados e a falta de ética na vida pública.
Sada, 13 de abril de 2019.