Foi a propia Nogareda, como voceira de Alternativa dos Veciños de Sada, quen en outubro de 2021, formando parte do goberno sadense, presentou un escrito por Rexistro para reclamar o pago, sen máis demora, das horas extras da Policía Local.
Ademais, é a propia Maria Nogareda a que, xa como alcaldesa despois da moción de censura, autorizou o pago a persoal da Policía Local de gratificacións extraordinarias (por servizos realizados fóra da xornada de traballo): na nómina de xaneiro, un total de 35.402,96€ de gratificacións correspondentes aos meses de novembro e decembro de 2022 (xa con ela de alcaldesa). Vai denunciar tamén María Nogareda na Fiscalía á propia María Nogareda por autorizar o pago de gratificacións extraordinarias á Policía Local?
As alusións da alcaldesa tránsfuga ás “presións” que recibiu para o pago de horas extras deberían vir acompañadas de precisión sobre quen exerceu ditas presións, cando e como. Sorprende que de existir tales “presións” para o pago dunhas cantidades e conceptos que entende ilegais, non se acompañase na denuncia presentada a identidade da persoa ou persoas que presionaron á alcaldesa.
En realidade, o que debería explicar a alcaldesa á cidadanía de Sada son as razóns polas que non deu solución á carencia de efectivos, primeiro non apoiando a modificación puntual da RPT pola que se convertían os 3 postos de policías administrativos en policía operativa, e logo anulando a convocatoria da praza de inspector-xefe. Ambas medidas estaban encamiñadas a dotar de máis medios humanos ás patrullas operativas e a mellorar tanto a organización como o desenvolvemento da actividade policial.
A alcaldesa tránsfuga, á desesperada e coa urxencia da cita electoral de 28 de maio, pretende ter titulares de prensa, en vez de solucionar os problemas dun servizo básico como o da Policía Local.
Sada, 29 de abril de 2023.





