- O Xulgado decreta o sobresemento da causa polas horas extraordinarias da Policía Local ao non apreciar indicios de delito
- Sadamaioría considera que a resolución desmonta outra tentativa de xudicializar a política sadense por parte dos tránsfugas de UPSA
Sada, 7 de xullo de 2026
O Xulgado de Instrucción de Betanzos acordou o sobresemento provisional das dilixencias abertas trala denuncia presentada en 2023 por Unidos por Sada e María Nogareda en relación coa xestión das horas extraordinarias da Policía Local dende 2020 e anos posteriores.
No ano 2023, UPSA anunciou publicamente a presentación desta denuncia, construíndo a raíz da mesma un relato de posibles delitos de falsidade documental e estafa continuada. Hoxe, esa estratexia bate de fronte coa realidade xudicial. Tras analizar a documentación e practicar todas as dilixencias oportunas, o xulgado conclúe que non existen indicios suficientes para continuar a causa penal, deixando sen percorrido xudicial o relato de fraude que durante estes anos Unidos por Sada tratou de instalar na opinión pública.
Desde Sadamaioría nunca renunciamos a dar explicacións nin a defender a nosa actuación. Recibimos esta resolución coa tranquilidade de quen sempre defendeu que detrás desta denuncia non había unha trama delituosa, senón unha instrumentalización política dos xulgados para intentar desacreditar un goberno e ás persoas que o integraban.
Dixémolo no seu momento e repetímolo hoxe, a discrepancia política é absolutamente lexítima e forma parte da democracia. O que non debería converterse en habitual é recorrer aos tribunais para intentar resolver o que corresponde dirimir no debate político. Sadamaioría seguirá traballando coa mesma responsabilidade e compromiso de sempre, centrando os seus esforzos en dar resposta ás necesidades da veciñanza e en continuar construíndo un mellor futuro para Sada.
Con todo, a situación de acoso xudicial que vivimos dende hai anos lévanos a facer unha reflexión que consideramos necesaria: a democracia fortalécese co debate de ideas, coa confrontación de proxectos e co respecto ás institucións. A política debe gañarse coa confianza da veciñanza, co traballo diario e coa capacidade de gobernar, non trasladando aos xulgados o que debe resolverse nas urnas.





