A concellaría de Obras e Servizos acondicionou un novo aparcadoiro nunha parcela lindeira ao camposanto de Mondego, reflectida no Plan Xeral de Ordenación Urbana como zona de equipamento.
Sada ampliou a dotación de servizos na parroquia de Mondego, ao acondicionar unha nova parcela para dar servizo ás persoas que acudan ao cemiterio. O Goberno municipal optou por mercar unha parcela lindeira ao camposanto para habilitala como zona de aparcadoiro. Con iso dá resposta a unha histórica demanda veciñal, xa que, até o momento, as persoas que acudían a este recinto non tiñan onde estacionar os seus vehículos e optaban por ocupar as marxes da calzada para aparcar.
A parcela, cunha superficie de 1.465 metros cadrados, aparecía reflectida xa no Plan Xeral de Ordenación Urbana como zona de equipamento para expropiar, mais finalmente o executivo chegou a un acordo coa propietaria, o que acelerou os trámites de adquisición do terreo. Neste sentido, aboóuselle un prezo similar ao previsto se se realizase a expropiación.
O Concello destinou unha partida de 10.000 euros para a adquisición da leira e as previsións que manexan desde o executivo local apuntan a que hoxe finalizarán os traballos de acondicoinamento e estará dispoñible para os usuarios.
“Hai que agradecer a disposición da propiedade, que permitiu acurtar os prazos para dotar a esta parroquia dun espazo que era necesario”, indicou o alcalde, Benito Portela que, como responsable de Urbanismo, foi quen asistiu ao cambio de titularidade do terreo para aparcadoiro.
Este investimento, destacan desde o goberno municipal, “é unha dás medidas de incremento de espazo públicos nas parroquias que se verá complementada nos vindeiros meses con máis accións de equipamentos”.
Sada, 20 de novembro de 2020.





