O Concello instalará varios módulos de calistenia na zona do paseo marítimo para as persoas que queiran exercitarse.
Sada contará cunha nova instalación de módulos de calistenia que se colocarán no paseo marítimo. A concelleira de Participación Cidadá e Mocidade, Rebeca Mouriño, avanza que a proposta xa está definida e estase executando no paseo marítimo, xunto á pista de petanca. “A xente, coa Covid, demandaba facer deporte na rúa, foi o que botaron máis en falta e recibín moitas peticións para instalar elementos que lles permitisen manter os seus adestramentos”, explica a edil, que se reuniu con mozas que se adestran ao aire libre para coñecer as súas necesidades.
Operarios municipais están a realizar os labores de acondicionamento do terreo onde se instalarán a gaiola de exercicios, as barras de sección, os paralelas dobres, as pezas de corda e as argolas para o adestramento.
Sada, 18 de novembro de 2020.





