No pleno deste xoves aprobáronse 600.000 euros de investimentos co voto en contra de PP e Unidos por Sada e a abstención do PSOE.
O Concello de Sada tramita con cargo ao POS 2024 da Deputación da Coruña obras por un importe que se achega aos 600.000 euros. Este xoves o executivo de Sadamaioría elevou a pleno un expediente no que se incluían tres obras fundamentais para a nosa vila: a mellora das estradas de Vertín entre Mondego e Mosteirón, a mellora da estrada e contorna da Casa do Pobo de Meirás e a humanización do parque infantil do Porto, á altura de Fontán.
Os investimentos contaron co voto a favor de Sadamaioría e BNG, non así do PP e Unidos por Sada, que votaron en contra. A concelleira do PSOE optou pola abstención. “Unha vez máis demostramos con feitos que en Sadamaioría traballamos pensando no benestar da nosa veciñanza, mellorando estradas e espazos públicos do municipio, investindo nas parroquias e no casco urbano. En definitiva, construíndo unha Sada mellor” asegurou o alcalde, Benito Portela.
A veciñanza de Vertín, Mosteirón e Mondego verá cumprida así grazas ao executivo de Benito Portela unha vella demanda: a reforma integral da vía que comunica os núcleos de Vertín e Esperela. Para levar adiante este proxecto, o goberno de Benito Portela tramita un investimento de case 235.000 euros. A reforma non só mellorará o estado xeral da es-trada, senón que servirá para impulsar zonas peonís que garantan unha maior seguridade para a veciñanza que pasea pola zona. Outra vía na que se proxectan melloras é a que dá acceso á casa do Pobo de Meirás. Neste caso, o orzamento previsto ascende a 142.000 euros e dará cumprida resposta a outra demanda dos veciños de Meirás, como era o arranxo desta zona.
Por outra banda, dende Sadamaioría continuamos poñendo en valor o histórico barrio de Fontán. Con este obxectivo investiranse 215.000 euros destinados á reforma integral e humanización do parque infantil da avenida do Porto. Esta zona pasará a ser un novo espazo verde, con arborado e zona de lecer, ademais do parque infantil que é na actualidade.
Sada, 9 de febreiro de 2024.





