O rexedor sadense e a candidata nacionalista, de visita en Sada, compartiron impresións sobre os investimentos que precisa o municipio.
Portela trasladoulle como prioridade primordial o traslado do Centro de Saúde á contorna das Brañas.
O alcalde de Sada e líder de Sadamaioría, Benito Portela, e a candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, mantiveron esta tarde un encontro no que o rexedor tivo ocasión de transmitirlle o seu apoio persoal e o da Asemblea de Sadamaioría de cara aos comicios autonómicos. “O noso compromiso municipalista fainos centrar a atención do día a día na nosa vila, mais Sada non é unha illa afastada da realidade política do País. Neste sentido, as eleccións deste domingo son un momento crucial non só para construír a vila que queremos, senón para camiñar cara o país que precisamos”.
“Co obxectivo de mellorar a vida de todos e todas as sadenses vimos traballando dende que en 2015 logramos a alcaldía do noso municipio. Con todo, xa dende un primeiro momento puidemos comprobar que o traballo dende o local non sempre é suficiente para acadar aqueles obxectivos que perseguimos dende o inicio” asegurou o rexedor. “É por iso que precisamos dun goberno galego que mire polos intereses da nosa veciñanza. Nese cambio necesario na Xunta de Galicia é fundamental o papel do BNG, que conta co noso respaldo ante estes comicios tan relevantes” defendeu Portela.
“Dende Sadamaioría facemos un chamamento á cidadanía progresista da nosa vila, que se ten demostrado maioritaria nas urnas, para que acuda de novo a votar en defensa dos seus intereses e para impulsar un modelo de país diferente” engadiu Benito Portela, que agradeceu a Ana Pontón que se achegara a Sada para coñecer de primeira man as necesidades da vila. Entre elas, o Centro de Saúde, cuxo traslado a unha parcela nas brañas foi reclamado en varias ocasións polo Concello sen que polo de agora a Xunta de Galicia teña fixado ningún prazo para proceder co mesmo. “O traslado do Centro de Saúde é unha necesidade perentoria para a nosa veciñanza, que reclama unha mellor atención sanitaria nunhas instalacións adecuadas á realidade do municipio” explicoulle o alcalde.
Sada, 15 de febreiro de 2024.





