O executivo considera “fundamental para Sada” a aprobación dunhas contas que servirán para aumentar os investimentos do eido social, mantemento e obra pública, así como reforzar o fomento da Cultura e do Deporte.
Esta semana tiveron lugar novos encontros con todos os grupos da corporación para trasladarlles máis informacións sobre as contas municipais.
O goberno local levará a pleno o vindeiro mes de febreiro o orzamento de 2024. O Concello de Sada poderá contar así coas contas máis elevadas da súa historia, algo máis de 15 millóns de euros. Contando co respaldo da corporación, Sada aumentaría a súa capacidade económica nun 30%, xa que na actualidade atópanse prorrogadas as contas de 2022, de 11’6 millóns de euros. Ditas contas non responden á situación económica do noso municipio, que viu como de cara a este ano aumentaban os seus ingresos, pero tamén os gastos. “Contar cuns orzamentos actualizados é, polo tanto, imprescindible para Sada” indicou o alcalde.
Para Benito Portela, “estamos ante uns orzamentos que amosan o firme compromiso progresista do goberno para con Sada e toda a súa veciñanza”. O rexedor sadense remarcou que dende 2015 “reforzamos aquelas partidas adicadas a Benestar e Servizos Sociais. Neste orzamento con incrementos de ate o 70%. Somos un goberno que non deixa a ninguén atrás”.
Outra das liñas estratéxicas que sustenta as contas de 2024 pasa tamén polo investimento en mantemento e obra pública. “Unha das eivas históricas de Sada era o desequilibrio orzamentario entre parroquias, algo que dende que chegamos ó goberno comezamos a atallar de xeito inmediato” remarcou Portela. “Neste exercicio levaremos investimentos a todas as parroquias, con obras de mellora en edificios públicos dependentes de practicamente todas as áreas de goberno ou melloras de abastecemento, estradas e camiños alí onde sexa máis urxente”. Estamos a falar dun esforzo económico de 1.340.000€, un 22% máis. “Facemos de Sada unha vila máis fermosa, máis habitable e con mellores infraestruturas públicas”, asegurou o alcalde.
Outros dos apartados nos que seguirá centrada a labor de goberno son a cultura e o deporte. As partidas vinculadas a estas áreas crecen até acadar cifras “sen precedentes na historia do noso municipio” destacou Portela. “Queremos e traballamos para ter unha vila viva, con actividade cultural e deportiva; atractiva para os veciños, pero tamén para quen decida visitarnos”. Nese sentido, unha referencia seguirán a ser tamén as festas de Sada, cunha partida que crece un 17’5% até os 350.000 euros.
“Por todo isto e máis é preciso aprobar uns orzamentos que permitan a este goberno seguir avanzando na mellora do noso pobo”, dixo o alcalde. Segundo Portela, contar cun orzamento actualizado “é fundamental para Sada, para poder continuar na senda que iniciamos en 2015 investindo en políticas sociais, equilibrando os investimentos entre todas as parroquias e facendo desta vila un dos piares económicos e sociais da área da Coruña”. Pero o rexedor tamén apuntou outra cuestión fundamental, “contar cunhas contas actualizadas garante que Sada poida facer fronte a todos os seus compromisos de pago en tempo e forma”. “Facemos un chamamento á responsabilidade dos grupos políticos da corporación para que non paralicen Sada e apoien estas contas pensadas para o benestar de toda a cidadanía sadense”.
Sada, 26 de xaneiro de 2024.




