Bonificaranse as obras de rehabilitación e de accesibilidade no ICIO.
Crearase unha bolsa de vivendas en aluguer, recargarase o IBI das vivendas desocupadas da SAREB e das entidades financeiras.
Sadamaioría, consciente de que os barrios tradicionais da Tenencia e de Fontán precisan de protección e rehabilitación, solicitará á Xunta de Galicia a delimitación dunha área de rexeneración urbana na Tenencia-Fontán, que promova, con axudas suficientes, a rehabilitación de inmobles e a mellora do espazo público.
Esa área de rehabilitación acollerase tanto ás axudas que prevé o actual Plan estatal de vivenda 2018-2021, como ás que se deriven da recentemente aprobada Lei de rehabilitación de Galicia, e incluirán a creación dunha oficina de rehabilitación e axudas directas á rehabilitación de inmobles polos particulares e ao concello para a renovación dos espazos públicos. Do mesmo xeito, o concello modificará a ordenanza fiscal do ICIO (imposto de construcións, instalacións e obras) e as taxas de licenzas, para bonificar tributariamente a realización de obras de rehabilitación e de accesibilidade.
Por outro lado, en desenvolvemento do PXOM, licitaranse as redaccións dos plans especiais de protección do casco histórico, tanto na Tenencia como de Fontán.
Eses plans terán como obxectivo acadar unha solución de ordenación que atope o equilibrio entre as necesidades de protección dos elementos valiosos do entramado urbano e a necesidade de dar solución ás actuacións recentes ao amparo do planeamento anterior, ademais de obter espazo público de calidade aproveitando o proceso de transformación ou renovación parcial das áreas a protexer.
Por outra banda, Sadamaioría aprobará medidas para solucionar o problema de vivenda.
En primeiro lugar, apostará pola constitución do Patrimonio público do solo e da vivenda como instrumento regulador do mercado.
En segundo lugar, mediante convenios con entidades públicas e titulares dos inmobles, crearáse unha Bolsa municipal de vivenda en réxime de aluguer a prezo taxado.
Finalmente, promoveranse medidas para mobilizar o mercado da vivenda, para evitar a retención especulativa de inmobles, para o cal será incluído na ordenanza do IBI (imposto de bens inmobles) un recargo nun 50% sobre as vivendas desocupadas propiedade de entidades financeiras ou da SAREB, recargo que se aplicará desde o momento que a Xunta ou o Estado delimiten a situación de vivenda baleira.
Sada, 4 de maio de 2019.





