Hai hoxe catro anos, as mulleres e homes que conformamos o proxecto Sadamaioría acordamos a presentación dunha candidatura electoral propia nas eleccións municipais de maio de 2015.
Nacía así un proxecto formado por veciños e veciñas de Sada unidos todos eles pola necesidade de poñer o concello ao servizo da cidadanía e das súas necesidades, dun xeito democrático, aberto, transparente, solidario e participativo.
Sadamaioría evidenciaba xa daquela a necesidade de acumular nunha alternativa electoral o que demanda a maioría da sociedade sadense, unha alternativa política progresista e transformadora que, abrindo o Concello á cidadanía, poña sempre a administración municipal ao servizo do interese xeral público.
Catro anos despois, en pleno proceso de primarias abertas para conformar a súa candidatura ás municipais de 2019, Sadamaioría segue a traballar desde o mesmo espíritu.