Ante as eleccións ao Parlamento Galego do vindeiro 12 de xullo, a Asemblea de Sadamaioría quere manifestar o seguinte:
Sadamaioría non formará parte de ningunha candidatura nestas eleccións. Non obstante, pedimos a mobilización activa do voto para aquelas opcións políticas de progreso que traballen na defensa dos servizos públicos, pola transparencia na xestión e pola participación cidadá, que aposten polo investimento en políticas sociais e de emprego e pola defensa das liberdades en xeral.
É fundamental o compromiso activo de todas e todos para mudar as políticas austericidas e privatizadoras do goberno do PP en Galicia nestes últimos once anos, que tanto repercuten no eido local. Botar o PP da Xunta é, hoxe máis que nunca, urxente para garantir un futuro digno para a sanidade e a educación públicas, en camiño de acabar convertidas no negocio duns poucos.
Dende Sadamaioría propoñemos poñernos a traballar a partir do día 13 na creación dunha forza que agrupe os movementos municipalistas, feita dende a base, aberta a quen queira participar desde as asociacións, os partidos políticos e, sobre todo, desde a sociedade civil.
Sada, 29 de xuño de 2020.