O goberno local propuxo no Pleno celebrado o 28 de maio a dotación de 222.185 euros, correspondente ao 20% da actuación que ten que asumir o Concello de Sada.
Trátase do segundo proxecto para o que se solicita subvención europea,xa que actualmente está en fase de evaluación a adxudicación do alumeado público no centro urbano e nas parroquias por un importe de 562.416 euros.
Benito Portela levou ao Pleno da Corporación a aprobación dun modificativo de crédito para dotar con 222.185 euros, correspondente ao 20% da actuación que ten que asumir o Concello de Sada, para catro proxectos de renovación das instalacións de alumeado, iluminación e sinalización exterior baseados en criterios de eficiencia enerxética en varias zonas do municipio.
As novas zonas subvencionadas polo programa FEDER son:
Zona: Rúa Praia, rúa Betanzos, Praza Pescadería, Souto, Costa-Coiro, Mandín, Campo do Sar, Espíritu Santo NVI, Vilar, Souto da Igrexa, Cimás, Os Tornos e Piñeiro. Orzamento 273.777,14€. (Axuda IDAE 80%: 219.021,71 €, Concello: 54.755,43 €)
Zona: O Valo, Amexeiral, A Esperela, Mosteirón, Agra, Campo das Mantas, Chan da Aldea, Carta, Cirro, Quintán, A Cañota, Fortiñón e Vertín. Orzamento 287.509,36€. (Axuda IDAE 80%: 230.007,48 €, Concello: 57.501,88 €)
Zona: Pazos, A Pedreira, Seixo, Sadadarriba, Castelo, Mandín e Pé do Muiño. Orzamento 276.010,55€. (Axuda IDAE 80%: 220.808,44 €, Concello: 55.202,11 €)
Zonas de Obra, Telleiras, Tarabelo, Compostela, Párroco Villanueva, Burreiros, Fiunchedo, Camiño Figueiras, Callejón Alba, Villablanca, Ballestas Noroeste, P.I. Arco Iris, As Valías, Osedo, Castelo, Aldea Machado e Quintán. Orzamento 273.625,60€. (Axuda IDAE 80%: 218.900,47 €, Concello: 54.725,13 €)
O obxecto principal desta actuación é cambiar as luminarias existentes por outras novas de tecnoloxía LED que cumpran cos requisitos técnicos esixibles para este tipo de luminarias segundo documento recoñecido polo IDAE e permitan reducir o consumo de enerxía eléctrica da instalación reformada en, polo menos, un 30%.
Así mesmo con esta actuación reducirase o consumo de Enerxía Primaria e emisión de gases de efecto invernadoiro (CO2) e cumprirase coas esixencias lumínicas do Regulamento de Eficiencia Enerxética en Instalacións de Iluminación Exterior.
O Concello de Sada espera, con esta actuación, regular os niveis de iluminación segundo diferentes horarios nocturnos e tipos de vías, axustándose ás necesidades dos cidadáns. Tamén regularizar as instalacións que non dispoñan de contador e agrupar puntos a tanto alzado dispersos polo municipio, uníndoos a instalacións existentes ou creando novos cadros onde sexa necesario.
Sada, 20 de maio de 2020.




