O vindeiro 29 de novembro temos nas nosas mans unha decisión que transcende a propia cita coas urnas. Máis alá de elixir as persoas que deberán defender os nosos intereses no Congreso e no Senado, está en xogo o modelo mesmo de país. Neste sentido, Sadamaioría considera fundamental que as forzas progresistas, nas súas distintas expresións políticas, conten cun respaldo electoral amplo que lles permita conformar maiorías de goberno e asumir a responsabilidade de impulsar as políticas que marcarán o noso futuro. E para que así sexa, cómpre apoiar electoralmente aquelas formacións que representan ese horizonte de progreso e que están chamadas a facelo realidade.
Cando falamos de modelo de país non falamos de conceptos abstractos nin de debates afastados da realidade. Falamos da fortaleza dunha educación pública que debe garantir as mesmas oportunidades para todas as persoas; dunha sanidade pública capaz de atender a toda a cidadanía con calidade e en condicións de igualdade; dos investimentos que permiten vivir e traballar con dignidade en calquera lugar e das decisións sobre como se distribúen e empregan os recursos públicos. Falamos tamén de como acompañamos as persoas maiores, de como apoiamos as familias que atravesan dificultades e da rede de protección que ofrecemos a quen se atopa nunha situación de vulnerabilidade. En definitiva, falamos de que intereses se defenden, de quen se sitúa no centro das políticas públicas e de se queremos unha sociedade máis xusta, igualitaria e solidaria.
Tampouco podemos ignorar o que está en xogo nestas eleccións. Existe a posibilidade de que a extrema dereita volva formar parte do Goberno de España, de acadar representación por primeira vez en Galicia, cun proxecto político que cuestiona dereitos e liberdades conquistados durante décadas e que pretende facer retroceder avances sociais que considerabamos consolidados. Ante este escenario a cidadanía pode permanecer indiferente. As persoas demócratas temos a responsabilidade de defender nas urnas os valores de liberdade, igualdade, xustiza social e convivencia.
Por iso, Sadamaioría fai un chamamento á cidadanía progresista da nosa vila, que ten demostrado ser maioritaria nas urnas, para que novamente acuda a votar en defensa dos seus intereses. Sadamaioría naceu precisamente como un proxecto de confluencia, no que distintas sensibilidades políticas e sociais decidiron sumar forzas arredor dun obxectivo común: construír unha vila máis xusta, igualitaria e democrática. Ese mesmo espírito de pluralidade, entendemento e compromiso colectivo é o que queremos reivindicar tamén nestas eleccións.
Por iso, Sadamaioría pide á veciñanza de Sada que o apoio electoral se dirixa ás formacións políticas que, desde o nacionalismo galego do BNG ata as distintas expresións da esquerda estatal, comparten ese horizonte de progreso. Precisamos unha esquerda plural, forte e con vontade de goberno, capaz de defender os intereses de Galicia, ampliar dereitos e situar as persoas e os servizos públicos no centro da acción política. Porque, máis alá das diferentes siglas e sensibilidades, hai un proxecto de país que nos une e que debe ser defendido tamén nas urnas.
Fronte ao avance das dereitas e do fascismo, fronte ó recorte de dereitos e liberdades; para seguir construíndo un país do que estar orgullosos e orgullosas, a votar este 29N!
Sada, 27 de novembro de 2026





