O Ministerio de Transición Ecolóxica atende as alegacións presentadas polo Concello, que seguirá demandando de Costas a desafectación e a cesión ao patrimonio municipal do BIC.
O Ministerio de Transición Ecolóxica notificou ao Concello de Sada a denegación da solicitude de prórroga da concesión d’A Terraza. Seguiremos a demandar a Costas a desafectación e a cesión ao patrimonio municipal, como paso necesario para a súa conservación e para a determinación das prioridades e criterios de intervención.
É imprescindible pór en marcha a redacción dun plan integral de conservación, no que se inclúa a futura xestión do inmoble e o financiamento.A elaboración e xestión dese Plan Director debe ser pública municipal, cos convenios que sexan precisos coa administración autonómica e estatal (propietaria do inmoble), xa que contribuiría a unha mellor eficacia e garantía para a consecución dos obxectivos do mesmo. O alcalde, Benito Portela, sinala que “o Plan Director deberá contemplar a futura xestión pública municipal do edificio coa cualificación de equipamento socio-cultural público, o previsto no PXOM, que non é incompatible coa continuidade dun uso hosteleiro parcial no edificio”.
O senlleiro edificio modernista levaba desde xullo de 2018 pendente de que a o Estado resolvese a petición dunha prórroga da concesión presentada polos xestores. O Concello de Sada presentou alegacións á petición dunha moratoria, alegando que a Lei de Costas establece no seu artigo 81 que, unha vez vencido o prazo da concesión, é improrrogable.
Sada, 4 de marzo de 2021.





