Concelleiras e concelleiros, veciñas e veciños de Sada:
A Corporación municipal vén de acordar a miña elección como alcalde de Sada. Vou ser alcalde de Sada coa lexitimidade que me outorga encabezar a lista de Sadamaioría, a formación que acadou o maior número de votos, resultado da decisión democrática expresada pola cidadanía sadense o pasado 28 de maio. Antes de nada, quero agradecer, como non podería ser doutra maneira, o apoio expreso do Bloque Nacionalista Galego nesta votación de investidura, un apoio incondicional, sen necesidade de acordos previos.
Fun e vou ser alcalde de Sada, do conxunto da cidadanía sadense, das persoas que votaron Sadamaioría e das que prestaron apoio a outras forzas políticas. E ben sei a composición política plural dunha Corporación na que os consensos e acordos serán necesarios e imprescindibles para garantir un goberno estable ao servizo do interese xeral. É por iso polo que, desde hoxe mesmo, iniciarei os contactos coas forzas políticas para conformar un goberno plural e progresista. A cidadanía de Sada decidiu unha Corporación plural, de maioría progresista, pero sen maioría absoluta. O diálogo, o consenso, a negociación e o acordo deben ser, e van ser, o necesario, non só para posibilitar maiorías legais para a adopción de acordos, senón tamén porque esa foi a vontade da cidadanía sadense.
Unha vontade de consenso que debe ser especialmente necesaria e desexable nos asuntos estratéxicos para o futuro de Sada, desde a solución aos problemas das inundacións a unha reordenación do bordo litoral, desde a forma de xestión dos servizos municipais a unha nova relación de persoal, entre outras cuestións que van precisar dunha negociación e acordo entre os distintos grupos municipais. Como tamén vai ser preciso ese amplo consenso orgánico para defender as demandas e intereses de Sada ante as distintas administracións, desde a estatal á autonómica ou provincial.
Desde este momento, manteño o meu compromiso persoal de procurar ese consenso con distintos grupos municipais, con vontade real de poñer por diante os intereses de Sada. Agardo e desexo que esta declaración de vontade e compromiso sexa atendida polo conxunto deste Corporación, porque entendo que esa é tamén a vontade da ampla maioría da cidadanía sadense.
Como alcalde asumo tamén o compromiso de que a prioridade de goberno debe ser o gasto e o investimento social e dotacional, de infraestruturas, equipamentos sanitarios, educativos e deportivos, aumentando os recursos destinados ás persoas máis vulnerables, socializando as actividades culturais e deportivas, e garantindo a participación pública na acción de goberno.
Unha Sada máis humana, máis verde, máis eficiente, máis igualitaria e mais xusta. Unha Sada con igualdade de oportunidades con independencia do xénero, idade, procedencia ou condición social. Unha Sada activa e combativa contra da violencia de xénero e respectuosa coa diversidade. Unha Sada da que sintamos orgullo, tanto da nosa historia como do noso porvir.
Óscar Benito Portela Fernández
Alcalde de Sada
Sada, 17 de xuño de 2023