Logo de coñecer o arquivo desta denuncia contra a concelleira Pilar Taibo, esta quixo dar as grazas á xente que lle transmitiu “o ánimo e apoio constante que sempre me fixestes sentir”.
Novamente a Xustiza vén de dar a razón ao equipo de Sadamaioría ao confirmar o arquivo definitivo dunha denuncia presentada contra a nosa compañeira Pilar Taibo. A Concelleira de Facenda, Seguridade Cidadá e Persoal fora denunciada en decembro de 2020 por “imposición de condicións ilegais de traballo” ao xefe accidental da Policía Local, Juan Carlos Arias. En abril deste ano o Xulgado de Instrucción N.o 1 de Betanzos arquivara de forma provisional esta denuncia ao entender que non existían indicios de tal delito. Dito arquivo foi recorrido e agora a Audiencia Provincial da Coruña é quen dá por pechada definitivamente esta causa.
Na denuncia interposta polo axente Juan Carlos Arias, acusaba a Taibo de “hostigamiento preconcebido e injustificado hacia mi persona”, afirmando que esa conduta “hostil e intencionada no hace más que mermar mis derechos como trabajador y como delegado de personal y presidente de la Junta de personal del Concello de Sada y causar desconfianza entre mis compañeros, perjudicando a su vez, gravemente mi salud”. A xuíza quítalle toda a razón. O escrito que acompaña o arquivo é claro ao manifestar que o Sr. Arias non foi quen de demostrar “engano, abuso de situación de necesidade, violencia ou intimidación”. A xuíza mantén que ningunha destas circunstancias áchanse presentes na conduta denunciada e, ademais, “nin tan sequera se alegan ou describen” por parte do denunciante.
A denuncia supuxo que tanto a Xunta de Persoal como o Comité de Empresa reclamasen a fin do acoso e persecución a dito funcionario. Hoxe queda claro que o acoso laboral non existiu. Dende Sadamaioría reafirmámonos no compromiso de traballar por unha mellora da situación laboral dos empregados do Concello sen presións, sen chantaxes e sen intereses personalistas. As circunstancias concretas da Policía Local obrígannos a buscar fórmulas para lograr unha mellora deste servizo que redunde nunha mellor atención á cidadanía de Sada. “Con este arquivo queda claro que as decisións de organización de persoal tomadas no seu momento eran as correctas e lexítimas”, asegura Pilar Taibo.
Non é a primeira denuncia contra algún membro de Sadamaioría que a Xustiza dá por arquivada. A propia Taibo e o alcalde, Benito Portela, foron obxecto de denuncias arquivadas ou que directamente non chegaron a tramitarse. Todas elas exemplo de aquilo que deberíamos desterrar da vida pública da nosa vila. Na xustiza só se está a buscar aquilo que algúns non logran conseguir nas urnas, que é apartar a Sadamaioría do goberno. Queda claro que a oposición, malia que se intente, non se fai nos xulgados.
Sada, 27 de outubro de 2023.