María Pardo, primeira tenente de alcaldesa do goberno tránsfuga, denunciara tamén ao anterior concelleiro de Urbanismo, Francisco Montouto, e ao actual concesionario de El Chiringuito.
O xulgado de instrución número 2 de Betanzos emitiu un auto de arquivo da totalidade das dilixencias practicadas contra Benito Portela, Francisco Montouto e Andrés Vicos por presuntos delitos de prevaricación, malversación e tráfico de influencias, despois das dilixencias practicadas a raíz dunha denuncia presentada por unha das concelleiras asinantes da moción de censura.
O auto de arquivo é moi contundente e procede ao sobresemento provisional das actuacións por non existir indicio algún de delito por parte de ningunha das persoas investigadas e vén ratificar un escrito da fiscalía, do 25 de maio, solicitando o arquivo das dilixencias para todos os investigados.
Catro arquivos a Benito Portela, un a Francisco Montouto e outro a Pilar Taibo nos últimos 15 meses volven poñer de manifesto a persecución, acoso e derrubo que ven sufrindo o grupo municipal de Sadamaioría. Un regueiro de denuncias, todas elas interesadas, que o único que pretenden é menoscabar a imaxe das persoas e prexudicar a formación política.
“Nin mocións de censura, nin denuncias interesadas acabarán con Sadamaioría. Seguiremos a traballar por Sada. Temos moito que agradecer à cidadanía, ao seu enorme respaldo popular, ao seu apoio e á súa forza”, afirmou Benito Portela.
Sada, 15 de xuño de 2023.