A paralización da contratación municipal é total e ningún dos proxectos tramitados e aprobados polo goberno de Benito Portela está a ser realizado.
Despois de catro meses á fronte do Concello, Sadamaioría esixe ao goberno tránsfuga que inicie e materialice os máis de 1,3 millóns de euros destinados a obras polo goberno de Benito Portela: a segunda fase da rehabilitación do barrio de Fontán, o acondicionamento da avenida Párroco Villanueva, a senda peonil de Veigue, a reforma da Escola de Carnoedo, a renovación dos servizos no Tarabelo ou a ampliación da rede de subministro de auga en Amexeiral, Lácere e Tumbadoiro (proxectos todos eles co expediente de contratación aprobado e algún deles coa mesa de contratación practicamente rematada no momento da perpetración da moción de censura), ven agora como a falta de capacidade de xestión, unida á desidia ou, simplemente, o deseño dunha lamentable estratexia electoral atrasan, de maneira inxustificable, a súa execución co conseguinte prexuízo para os veciños afectados.
Resulta sorprendente que o que debería ser unha prioridade para calquera goberno municipal, tendo en conta o traballo adicado á tramitación dos distintos expedientes que, neste caso, incluíu, a maiores do procedemento normal, a revisión dos diferentes proxectos por mor do incremento dos custes dos materiais para o cal, o anterior goberno, tivo que modificalos e procurar novo financiamento para logo aprobalos, permaneza inmóbil e sin avance algún dende hai meses. A situación é aínda máis grave se temos en conta que aqueles que viñan desbloquear a suposta parálise á que estaba sometida o concello, agora, non son quen de materializar ningún dos proxectos cos expedientes de contratación practicamente rematados.
Mención aparte merece o proxecto de “Acondicionamento de varios viais municipais no Concello de Sada situados en: Igrexa de Carnoedo, Cacharrete, Mandín, Pé do Muíño e Samoedo”, o cal ficou listo para a súa licitación e que, a día de hoxe, non experimentou o máis mínimo avance na súa tramitación e nin sequera aparece no perfil do contratante do Concello, polo que a súa execución verase atrasada enormemente e, deste xeito e unha vez máis, serán os veciños os que sufran as consecuencias desta inacción.
Sada, 16 de marzo de 2023.