Sadamaioría valora moi positivamente a alta participación na xornada electoral do 5 de marzo, cun incremento do 41,6% respecto das votacións de 2019, nunhas primarias abertas xa consolidadas entre a veciñanza.
Sadamaioría valora o incremento de participación como unha expresión de apoio cidadán a Benito Portela, despois da moción de censura do pasado novembro.
A Comisión Electoral de Sadamaioría, na súa reunión de hoxe e despois de analizar todo o proceso electoral do domingo 5 de marzo, deu por válidos os resultados provisionais da xornada electoral e elevou a definitiva a lista resultante das votacións.
Desde Sadamaioría valórase moi positivamente a xornada do domingo. En primeiro lugar, destaca o incremento de participación dun 41,6% respecto do ano 2019, despois de que 487 persoas pasaran polas urnas da OMIX entre as 10:00 e as 20:00 horas. Este relevante ascenso de participación supón, tamén, un claro apoio da cidadanía a Benito Portela e o seu equipo, despois da moción de censura que os alonxou da alcaldía de Sada en novembro de 2022.
Por último, consolídase o proceso de primarias abertas para a elección das candidaturas electorais de Sadamaioría, sendo así a única formación política do Concello de Sada que permite que as súa candidatura sexa elixida directamente pola veciñanza, a través dun proceso participativo e aberto no que poden votar todas aquelas persoas maiores de 16 anos e con vinculación con Sada.
Así, de acordo cos resultados obtidos e despois de aplicar o requisito de paridade, os nove primeiros postos da lista coa que Sadamaioría concorrerá ás eleccións municipais de maio quedan ocupados polas seguintes persoas:
Nº1: Óscar Benito Portela Fernández.
Nº2: Rebeca Mouriño Neira.
Nº3: Marcos Villar López.
Nº4: María Pilar Taibo Fernández.
Nº5: Xosé Fernando Fariña Andrade.
Nº6: Patricia Martínez Abruñedo.
Nº7: Ricardo Berrocal Fariña.
Nº8: Marisa Rúa Prieto.
Nº9: Rubén Suárez García.
Proximamente, a Asemblea Xeral de Sadamaioría escollerá e dará a coñecer o nome das persoas que completan o segundo tramo da súa candidatura ás eleccións municipais de maio.
Sada, 6 de marzo de 2023.