O pleno da Deputación da Coruña deu luz verde esta mañá a unha unha partida de 378.000 euros para a mellora da canalización do río Maior, en Sada.
Esta obra de mellora da canalización do río Maior foi demandada insistentemente polo Concello de Sada desde as inundacións que se rexistraron en marzo de 2016.
O Goberno provincial achegará un terzo do orzamento desta actuación, crucial para evitar as periódicas inundacións que se rexistran na zona das Brañas. Finalmente, a institución provincial colaborará nos traballos a través dunha subvención nominativa ao Concello de Sada e non mediante o convenio de colaboración a tres bandas, que se anunciara inicialmente.
A concesión desta axuda aclara definitivamente o camiño para a execución da obra, que fica pendente da sinatura do convenio coa Xunta de Galicia, toda vez que o propio concello xa aprobou, o pasado 15 de maio, a modificación de crédito que consignaba os fondos necesarios (75.000 euros) para a redacción do correspondente proxecto de execución da obra.
Sada, 30 de outubro de 2020.