Bota a andar o proceso participativo mediante o cal Sadamaioría vai configurar a lista coa que concorrerá ás eleccións municipais de maio deste ano.
Unha vez aprobado o regulamento e escollida a comisión electoral que supervisará o proceso, ponse en marcha un calendario que culminará con votacións libres e abertas o vindeiro 5 de marzo. As candidaturas poderán presentarse a partir do 13 de febreiro.
A Asemblea de Sadamaioría abre o proceso de elaboración da lista para concorrer ás vindeiras eleccións municipais. Como hai catro anos, será aberto á participación da cidadanía sadense, verdadeira protagonista da vida municipal, tanto nas candidaturas como nas votacións.
Serán unhas primarias nas que terá dereito a voto toda persoa maior de 16 anos residente en Sada ou vencellada ao municipio. De igual modo, poderá candidatarse toda persoa que asine o manifesto e o código ético da organización, como compromiso de cumprimento dos seus obxectivos políticos, sempre e cando non estea inmersa en causa de incompatibilidade. As candidaturas serán individuais, isto é, unipersoais.
O calendario completo cubrirá algo máis dun mes, até completar os nomes dun primeiro tramo da lista que se presentará ao público o 10 de marzo. Os principais fitos da axenda de primarias son:
- 6 de febreiro: constitución da comisión electoral.
- 13 a 19 de febreiro: presentación das candidaturas.
- 21 de febreiro: proclamación das candidaturas.
- 22 de febreiro: presentación aos medios das persoas candidatas e comezo da campaña.
- 22 de febreiro a 3 de marzo: campaña de primarias.
- 5 de marzo: xornada de votacións.
- 6 de marzo: publicación de resultados.
- 7 de marzo: proclamación definitiva de resultados.
- 10 de marzo: presentación pública do primeiro tramo da candidatura.
Sada, 7 de febreiro de 2023.