Acordarase coa Xunta de Galicia supresión do copago na axuda a domicilio.
Modificarase o regulamento da escola infantil para adaptalo ás condicións socio-laborais actuais.
Sadamaioría quere que Sada sexa un concello ao servizo da xente, en especial das persoas máis necesitadas. Entendemos que a Sada que queremos non debe ter idade. Dende a infancia até a vellez, toda a xente merece coidados.
Por iso mesmo, o goberno presidido por Sadamaioría instará da Xunta de Galicia a modificación da normativa ou, no seu caso, un acordo conveniado para permitir que o concello poida asumir a totalidade do importe do copago do servizo de axuda no fogar, de xeito que un servizo básico tan esencial sexa gratuíto para as persoas beneficiarias.
Ao mesmo tempo, levará a cabo un plan de axudas de emerxencia social, con axudas para vivenda habitual e gastos e servizos básicos (vestido, educación, formación e atención sanitaria ou farmacéutica) non cubertas polos diferentes sistemas públicos.
Para as persoas de máis idade, implantaranse programas e proxectos de envellecemento activo, colaborando coas entidades de persoas maiores, ofertando actividades tanto culturais como de carácter físico e lúdico amais de fomentar e ampliar os Roteiros Saudables.
En relación á escola infantil, Sadamaioría modificará o regulamento da escola infantil municipal, adaptándoo ás condicións socio-laborais actuais, revisando as tarifas para todos os niveis de renda, ampliando o horario para nenos e nenas con algún proxenitor desempregado e flexibilizando o horario de apertura do centro, en función das necesidades das familias das crianzas admitidas cada curso.
Por último, Sadamaioría entende que de Sada somos todas e todos polo que é preciso é necesario promover o deseño e implementación de programas e proxectos para a integración da poboación inmigrante e a difusión da multiculturalidade como valor dunha sociedade aberta, democrática e participativa.
Sada, 7 de maio de 2019.





