A rehabilitación do pavillón de Deportes, a dotación de herba artificial no campo de fútbol de Carnoedo, a execución do proxecto de reparación da pista de patinaxe e a recuperación da zona SPA da piscina serán as actuacións prioritarias nas infraestruturas municipais existentes.
Sadamaioría prevé a creación de novas dotacións, coa execución da primeira fase do complexo deportivo de Mondego e a construción dunha pista de pádel no recinto do campo de fútbol Andrés Pena.
Entre as actuacións previstas nas infraestruturas municipais, atópase a execución do proxecto xa redactado para o pavillón municipal, que contempla a rehabilitación, renovación e mellora integral dun equipamento imprescindible no día a día da cidadanía.
Importantes son tamén a execución da reparación da pista de patinaxe, conforme o proxecto xa redactado en 2022, e novas actuacións na piscina municipal: a ampliación da superficie destinada a sala fitness, coa instalación dunha cuberta no espazo libre do soto que permita desenvolver novas prácticas deportivas, e a optimización e redistribución de espazos para garantir o mantemento da actual zona de SPA.
Por outra banda, dotarase de herba artificial o campo de fútbol municipal de Carnoedo, cuns traballos de acondicionamento e instalación no campo de A Grela que permitirán unha mellora ostensible na utilización do mesmo, tanto por parte do Carnoedo CF, como de outros clubs existentes no municipio.
A execución da primeira fase do complexo deportivo previsto no recinto escolar de Mondego, porá en marcha unha nova infraestrutura fundamental para o crecemento da práctica deportiva nos vindeiros anos. No compromiso permanente coa diversificación da oferta, inscríbese a creación dunha pista para a práctica do pádel no recinto do campo de fútbol municipal Andrés Pena.
Sada, 19 de maio de 2023.